Opinión

Punto e á parte

O 8 de marzo de 2018 supuxo un punto e á parte na andaina cara a igualdade. Aquel día movéronse os marcos do machismo de maneira clara. Tremeu o chan a ritmo dos tambores que resoaron na rúa e as augas, que levaban tempo revoltas, empezarona erguerse. Estabamos a empuxar todas a unha. E sentimos baixo os nosos pés a cuarta onda. "Desta vai!", escoitouse. Daquela foron moitas e moitos os que decidiron poñer as gafas moradas, non para saír un día ó ano á rúa senón para mudar a ollada en todos os eidos da vida: na escola, na familia, no traballo, no tempo de lecer...

Quedamos en conquistar espazos ata o momento ocupados exclusiva ou maioritariamente por eles, puxemos o foco nas nosas antergas que permaneceran ocultas, a fin de ter referentes que alumasen o camiño, o das que estamos nel e o das que veñen detrás. Puxémoslle o altofalante a máis voces femininas ata onte silenciadas e alzamos as mans contra todas as formas de violencia. Pero non abonda.

O positivismo que rezuma unha veterana da causa feminista como a avogada Margarita Rey, afeita a pelexar en temas de igualdade en tempos nos que nin sequera estaba ben visto, choca de fronte co pesimismo dunha poeta nova, que trata de mudar os tempos coa palabra por diante. Tamara Andrés ten esa idade na que estamos dispostas a comer o mundo, pero no que os soños tocan o chan coa punta dos pés e ás veces ata dan co nariz na porta.

Isto non é unha guerra de mulleres contra homes, senón unha conquista, a dunha sociedade que aspira a ser xusta e igualitaria

No medio, dúas xeracións máis que levan tempo mobilizándose pola igualdade de oportunidades. Desde os medios de comunicación, Susana Pedreira, e desde a formación en igualdade, Vicky Estévez, convencidas ambas as dúas de que temos acadado moito nestes últimos tempos, pero conscientes á vez Punto e á parte de que aínda hai moitos teitos de cristal que rachar e moito por afondar no cotián. Contamos coa fortaleza da unión e a confianza. Enfronte, xorde a ameaza do machismo tratando de reforzarse, de volver atrás, pero isto non é unha guerra de mulleres contra homes, senón unha conquista, a dunha sociedade que aspira a ser xusta e igualitaria. Na que ó 50% da súa poboación restrinxíronselle ata hai ben pouco moitos dos seus dereitos, e que ten claro cales son os vimbios cos que quere construír o futuro. Púxose nesta tertulia sobre a mesa: a unión das mulleres de todas as xeracións fronte a división, a educación en valores como ferramenta para acabar coa discriminación e a violencia, para atallar o problema na raíz, a corresponsabilidade e o respecto.

Coas gafas moradas ben postas e un gran "orgullo feminino" latexando forte, seguimos cumprindo marzos. O bo é que agora sabemos que non estamos soas nesta andaina. Reforzámolo cada 8-M e recordarémolo hoxe cos cánticos de Verín, pero tamén en cada ollada, en cada xesto de cada día. Si algo temos claro é que, polas nosas avoas e as nosas nenas, xa non imos dar nin un paso atrás.

Comentarios