Opinión

Teri Portela

Teresa Portela. DP
photo_camera Teresa Portela. DP

NUNCA FUN moito de ídolos. Referentes teño, moitos. Algúns moi preto e outros non tanto. Son vidas que vas atopando e que deixan un ronsel a seguir. Luces no camiño.

Unha desas luces acéndese cada mañá no Lérez. Chova, vente ou caia un sol de xustiza. Búscoa cos ollos cando cruzo a Ponte dos Tirantes. É doado identificala. Imaxino a humidade da néboa no inverno beliscándolle os músculos. A dor de cen ou mil paladas con dous, tres graos. Dá igual. Rema e rema río arriba e abaixo, perseguindo as súas arelas. Ten a determinación marcada nos ombros. A constancia debuxa o seu torso. Compite consigo mesma na piragua, cos ollos cravados no horizonte.

Un día, logo de converterse en nai, dubidou se sería quen de conseguilo. Contoumo nun parque da vila que a adoptou, mentres a súa pequena xogaba sen perdela de vista. E confesou con ducias de medallas ó pescozo que é Naira precisamente quen lle dá a forza que precisa para volver intentalo. A que a acompaña e anima cada día.

Disque caeu algunha vez no camiño. Pero leva 18 anos colleitando medallas. 15 delas mundiais. Máis de 50 títulos internacionais. Co último Bronce gañou o merecido pase aos seus sextos Xogos Olímpicos. É a primeira muller española en acadalo. Unha entre moi poucas no mundo. Historia viva do deporte. E está aquí, na casa.

Non entendo por que na súa camiseta non hai rastro de Pontevedra por ningures. Ela represéntanos. É nosa e é lenda. Nin entendo por que non centra todas as portadas nin ten contratos millonarios. Ou por que as universidades non pelexan por tela ensinándolles ás xeracións que veñen detrás a grandeza do deporte.

Eu seguirei cada mañá mirando ó Lérez cada vez que cruce Os Tirantes, buscando ese paxaro rosa que voa na auga. Tratando de empurrala cara a meta. Orgullosa de ser a súa veciña. Da deportista brillante. Da nai que non renunciou. Da muller que padea a auga contra a corrente da invisibilidade, da desigualdade e dos que se empeñan en que cos anos perdes opcións. "Sinto que teño moito que dar", dixo ó baixar do podio. Somos moitas e moitos quenes remamos cara os nosos soños detrás do seu ronsel, coa súa luz no camiño.

Comentarios