Opinión

Balances e desexos

LISTAXES E máis listaxes. Parece que nestas semanas todo se reduce a enumerar. Cando non son listaxes da compra ou de agasallos son listas de bos propósitos ou dos mellores desexos. Inescusábeis son tamén, conforme se achega o final do ano, os balances do acontecido ao longo dos doce meses, edulcorado case sempre coa actitude positiva destas datas. As mellores películas do ano, as mellores cancións, os mellores libros, os mellores momentos... Difícil escolla, case sempre deformada pola fraqueza da memoria e tamén polos afectos. Algunhas veces, as menos, facendo reconto tamén aparecen traxedias, matanzas, fraudes e despropósitos políticos metidos nese caixón de xastre que acostumamos rotular como «o peor do ano». Máis alá da lembranza das vítimas dos acontecementos tráxicos, a crónica acostuma quedar neutralizada non só polo espírito navideño senón tamén polo efecto psicolóxico de estarmos no final dun ciclo e pola crenza interesada de que o período que comeza ha ser mellor. Non foi outro o sentimento o que inspirou unha boa parte dos brindes e felicitacións da noite de fin de ano.

De ter que facer eu o meu propio balance, e deixando a un lado o plano persoal, custaríame facer a escolla nun ano que, sen me deter na análise miúda, recordarei ateigado de catástrofes e sobresaltos no humanitario, e incertezas no económico e político. Algunhas citas da axenda, como, no ámbito máis próximo, as dúas eleccións se celebraron no finado 2015, despregaron un amplo abano de promesas, máis ou menos críbeis, máis ou menos orixinais. Leña ao lume da ilusión necesaria para vivir os días nunha paisaxe, malia os disfraces, hostil. O ano pechouse non obstante con varias noticias que obrigan a matizar calquera esperanza. Estou a pensar nos últimos episodios de violencia de xénero que poñen o ramo macabro a un ano que, máis que cualificar como negro, deberiamos tratar como alarmante. Penso tamén no suicidio, acontecido hai pouco máis dunha semana, de Alan, o adolescente transexual que non foi quen de facer fronte á presión da sociedade.

Capítulo á parte, necesario tamén no primeiro artigo do ano, é o o dos desexos para este 2016. Contradicindo a Ricardo Reis no seu «aos deuses peço só que me concedam o nada lhes pedir», querería eu no tempo que comeza seguir tendo desexos, por difíciles e mesmo utópicos que estes poidan parecer. De pouco valen, ben o sei, os bos desexos se non van acompañados de vontade e de acción, de medidas concretas, de orzamentos e de loitas. Desexo, con todo, para o vindeiro ano seguir tendo desexos, ou ilusións, ou, se o prefiren, e por dicilo á maneira cunqueiriana, soños, non só para abrigarme da realidade e do seu frío, senón para cambiar o (meu) mundo.

Comentarios