Opinión

Bandeiras en días de temporal

SON CURIOSAS as bandeiras, ás que as veces cremos humanas: o seu corpo ergueito, a súa pel e mesmo a súa linguaxe, tan ben codificadas. Tamén os seus afectos, desafectos e significados, en ocasións tan desmedidos. Sempre lembrarei o impacto que me causara saber que un dos meus profesores de Bacharelato se estaba naquel altura a enfrontar a unha acusación por queimar supostamente unha bandeira española. A pesar das argumentacións, non vou negar que dominantes, naquela sociedade de mediados dos oitenta, unha posíbel pena de cárcere parecíame absurda pola destrución de algo que, máis alá de todas as simboloxías, non era máis que un anaco de tea. No meu idealismo adolescente, intuía que a lei que castigaba a violencia exercida contra os símbolos patrios era ben máis férrea que a que perseguía moita outra violencia. Pouco sabía do mundo, pero custábame entender as dimensións do delito que pesaba sobre aquel profesor rosalianista empeñado en nos formar como lectoras críticas da realidade e tamén dos textos.

Tamén de bandeiras se discutiu estes días no Facebook. Foi a escala local e a raíz dunha fotografía que denunciaba a colocación incorrecta dunha bandeira galega nun edificio oficial. A faixa que decoraba a balconada da Casa da Cultura dun concello, con motivo, entendo, da celebración das Letras Galegas, provocou o malestar dun activo usuario da rede que por estar posta coa banda azul do lado inverso. O autor do post lamentábase do desleixo ao tempo que se preguntaba que acontecería no caso de que a bandeira colocada de xeito incorrecto fose a española. As diferentes opinións suscitadas polo seu comentario demostraron unha vez máis que as bandeiras son materia delicada, á parte de non seren reversíbeis.

No mesmo día no que estou a escribir estas liñas avivece outra polémica relacionada unha vez máis coas bandeiras. Trátase neste caso da prohibición de exhibir esteladas na final da Copa do Rei que disputarán no Santiago Bernabeu Barcelona e Sevilla. A medida adoptada pola Delegación do Goberno de Madrid e revogada polo xuíz chegaba até o cacheo de cada unha das persoas que accedan ao estadio para garantir que ningunha delas leve agochada unha bandeira separatista. A prevención apela a unha lei contra a violencia no deporte que vincula estes símbolos con “comportamientos violentos y terroristas”. Eu, que teño visto a violencia, no deporte e fóra del, envolverse en teas de diferentes cores, volvo quedar atónita ante unha argumentación que semella facer prevalecer os dereitos téxtiles sobre os humanos. Bromas á parte, semella claro que para algunha xente as bandeiras son humanas: bícanse, ódianse, enérvanse e ondean con xenreira nos días de temporal.

Comentarios