Opinión

Barbarie

ALGUÉN TERÁ QUE pór dunha vez un pouco de sentido común na cuestión do maltrato animal. Alguén deberá lexislar e prohibir con man dura determinadas prácticas, entre elas a que está considerada acaso como a máis sublime e para a que se cuñou a denominación da ‘festa nacional’. Alguén debe facelo e facelo axiña, igual que no seu día prohibiu fumar en hospitais e colexios ou conducir logo dunha sempre relativa inxesta de alcol. Facelo ademais sen temor aos ‘señores’ e tamén a algunhas ‘señoras’ que defenden tales divertimentos ‘a capa e espada’. Urxe lexislar e é necesario tamén velar polo cumprimento das leis para que estas, e as sancións que delas deriven, non se acaben convertendo en anécdota. Tamén para eliminar, ou cando menos rebaixar, a permisividade que existe arredor da cuestión.

Escoitei máis dunha vez xustificar o maltrato animal, non o das touradas senón neste caso o dos animais domésticos, apelando a unha brutalidade que tiña a súa raíz na ignorancia e a rudeza do mundo rural: vareadas aos bois extenuados polo traballo, control da poboación de cans ou gatos mediante asfixia, ou castigos severos aos bechos da facenda por non responderen ás esixencias dos seus propietarios. Son todas elas prácticas abominábeis para cuxa explicación, en termos algo menos simples, cómpre engadir factores como a falla de medios e, sobre todo, a falla de conciencia debida ás carencias dun sistema educativo enredado noutros mesteres. Alén diso, a asociación co rural resulta sumamente inxusta e esquece formas de maltrato urbanas: exterminios, ‘xogos ruíns’ e, sobre todo, o abandono que sofren mascotas e cans de caza. O seu vagar desorientado polas estradas próximas ás aldeas, coa mirada ferida pola traizón de quen os tivo por seus, constitúen una estampa triste que se repite e se incrementa nos remates das tempadas.

Se difícil é vixiar estas formas de maltrato, menos difícil debera resultar punir aqueles casos nos que o este é considerado espectáculo, por moito que veña avalado por unha tradición. Tradición, ben o sabemos, eran tamén prácticas que hoxe non dubidariamos en considerar bárbaras. A polémica sobre a cuestión avivouse neste días a raíz do lichamento do desafortunado Toro de la Vega, bautizado, como se dunha ironía macabra se tratase, co nome de Rompesuelas. A ‘tradición histórica e cultural’, o feito de non se tratar dunha práctica explicitamente prohibida e as liberdades dun país democrático constituíron unha vez máis o argumentario que xustificou a tortura. Máis alá dos gustos perversos de cadaquén, hai no Toro de la Vega, como nas touradas, nas aves decapitadas ou nos mamíferos guindados desde o campanario un consentimento, cando non unha complicidade e un apoio institucionais. De medirse a crueldade pola inutilidade do sufrimento que causa, a destes actos é extrema. No caso de se aplicar tan lóxico raseiro, as máis selectas cazarías acabarían, por certo nun territorio fronteirizo. Alguén debera, alén de impulsar campañas de concienciación, sancionar calquera ‘espectáculo’ baseado na tortura de animais. Sería o propio dun ‘país democrático’, civilizado e moderno, e non desoutro país que confunde identidade con barbarie, que profana a acotío a palabra liberdade e que tantos semellan empeñados en seguir defendendo.

Comentarios