miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

Black Day

Á CAMPAÑA contra a violencia de xénero iniciada polo Concello de Santiago, Compostela en negro, sumáronse este ano moitas outras institucións municipais. A exposición nos escaparates das tendas de carteis negros que exhibe o lema ‘Espazo libre de violencia machista’, xunto con lendas como ‘Non son o teu dono’, ‘Respecta as miñas decisións’, ‘Sempre libre e viva’, ‘Si é si... Non é non’, ou o explícito e estarrecedor ‘3 de cada 10 mulleres maiores de 16 anos somos vítimas dalgún tipo de violencia machista’, consegue un innegábel impacto visual que se ve reforzado polo predominio da cor negra nos obxectos expostos. Non obstante, e máis alá dos xogos cromáticos, o que de verdade impresiona é reparar na literalidade de cada unha das frases, na súa obviedade, no terríbel que resulta ter que afirmar ‘Son libre de decidir a miña vida’.

Como esta semana me cadrou transitar as rúas de dúas cidades, puiden ver o alcance da campaña e, sobre todo, reparar en que tipo de estabelecementos a secundaban. Non resulta estraño que unha boa parte deles pertenzan ao sector téxtil, por estar sometido a maiores presións sexistas, desde as tallaxes até o atuendo e actitude que en ocasións debe exhibir o seu persoal. Talvez por seren tan numerosos os comercios que locen as consignas contra a violencia, chamen máis a atención aqueles que non o fan, especialmente aqueles que pertencen a firmas cunha importante presenza no espazo comercial da cidade. Sorprendeume tamén a menor participación nesta iniciativa doutros estabelecementos onde os clixés de xénero acostuman tamén ser moeda corrente, como as perruquerías, as mercerías ou as tendas de cosméticos. Deixando a un lado as ausencias, que nalgún caso tentan a preguntar o por que, gustáronme especialmente aqueles locais nos que se percibe un traballo persoal e creativo no escaparatismo: as camisetas da campaña vestindo os manequís, os complementos de cor negro e outros obxectos coidadosamente dispostos... De quedar con un comercio, como exemplo desta creatividade solidaria, quedaría co dunha pequena papelería, en cuxa estreita vitrina, encaixada entre dúas tendas de maior tamaño, exhibe, xunto co cartel, unha colección de obxectos negros expostos con humilde e elocuente dignidade.

No meu devagar por Compostela e Lugo puiden apreciar ademais como nas rúas comerciais, máis aínda naquelas que agroman fóra dos cascos históricos, as mensaxes da campaña contra a violencia machista competían, e en moitos casos eran substituídas, polas do gran acontecemento do día de onte: o Black Friday. O negro non denunciaba nesta ocasión un drama cotiá senón que anunciaba a apertura das portas do consumismo do Nadal, tamén nas tendas máis sensíbeis, máis expostas á violencia silenciosa, case imperceptíbel, contra as mulleres.

Black Day
Comentarios
ç