domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

Caligrafías

ALGUNHAS PERSOAS comezamos o ano con libretas novas. Non se trata dunha metáfora senón dos cadernos cos que nos agasallaron amizades e persoas queridas. Son libretas fermosas, artesanais unhas, orixinalísimas outras, elegantes na sinxeleza algunhas. A súa beleza acovarda, impón respecto á hora de empezalas, como se aquilo que puidésemos escribir nelas nunca estivese á altura. O reparo ao empezar un deses obxectos é un sentimento que compartín con moitas persoas. Horror vacui ou simple coleccionismo. A relación cos cadernos non deixa de me parecer complexa. Se empezar unha libreta impón o mesmo que debe impoñer comezar unha novela, atopar unha acabada nalgún caixón achega ás veces a aventura. A miúdo enfróntome ás miñas propias palabras como se fosen alleas e déixome levar cautivada polas narracións das que terman. É que os cadernos escritos son dalgún xeito ficción: cotiá, íntima, pragmática, e sempre vivida ou soñada.

A mesma curiosidade coa que me achego aos cadernos que conservo síntoa polas libretas escritas por outras persoas. Interponse obviamente neste caso o pudor e, sobre todo, o respecto. Aínda así, cústame non virar os ollos cando vexo a alguén escribir, atraída non tanto polo contido da súa anotación como pola súa caligrafía. Na miña inocente espionaxe, máis que tentar descubrir o que se escribe, busco saber como o fai, con que técnica, con que trazos, con que orde. Gústame a caligrafía, xunto con todo o seu instrumental, e interésanme as caligrafías alleas. Máis que moita dobre pauta e moitos exercicios correctores a base de Cadernos Rubio, igual hai na orixe de semellante atracción unha debuxante frustrada. A popularización das novas tecnoloxías, coas notas de texto tecleadas en teléfonos e tablets, e os grandísimos avances que para a historia da humanidade e a escritura supuxeron os ordenadores persoais, lonxe de desterraren a caligrafía, púxoa en valor e converteuna mesmo, en ocasións, en obxecto estético.

Escribir para unha é escribir o universo propio. É por iso polo que, na miña retina, colecciono impecábeis anotacións e listaxes feitas con caligrafía antiga, apuntamentos caóticos cuxo valor estético semella eclipsar o contido, notiñas que algunhas persoas fan en papeis ínfimos e que sacan nun exercicio de prestidixitación, e follas de caderno gastadas polo uso. Entre estes obxectos, gardo desde nena o recordo do caderno dun tratante de gando, matachín e igual tamén capador que, de ser mindoniense, merecería formar parte dos personaxes cunqueirianos. Na súa libreta de pasta dura e follas graxentas e grosas coma papiros, anotaba ao chou, ou talvez conforme algunha orde. Alí por onde abría e atopaba un oco, escribía, con independencia da orientación da páxina. Escribía todo o seu mundo.

Caligrafías
Comentarios
ç