jueves. 09.12.2021 |
El tiempo
jueves. 09.12.2021
El tiempo

'Celebración'

A NOVA da concesión do Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández a Gonzalo Hermo enchíanos hai unhas semanas de alegría, igual que o fixera saber que ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’, de Ledicia Costas, fora galardoada co Nacional de Literatura Infantil e Juvenil. As dúas noticias orixinaron infinidade de congratulacións e comentarios en foros diversos, que salientaban fundamentalmente dúas cuestións: a calidade e o bo momento que están a vivir as letras galegas, e a importancia, para unha literatura periférica, dun Premio Nacional. As dúas afirmacións teñen sen dúbida moito de verdade, no entanto precisen dalgún matiz, sempre necesario para non caer na xeneralización. A literatura galega é efectivamente un territorio vizoso no que están a convivir, neste momento, voces diversas desde o punto de vista xeracional e estético, e no que en ocasións é posíbel albiscar dinámicas de renovación como as que recoñeceron os xurados dos premios que acabo de mencionar. O mesmo que outras literaturas, a galega tivo que facer fronte nos últimos anos ás esixencias dun mercado en crise, nun contexto no que a cultura é considerada cuestión accesoria. As circunstancias económicas uníronse a unha política hostil no que atinxe á lingua e á cultura propias, que axudou a debilitar o tecido editorial e o estatus da literatura. Máis alá dun recoñecemento e dunha inxección de autoestima, a concesión dun Premio Nacional contribúe de maneira importante á visibilización dunha literatura periférica no conxunto do estado, ao tempo que reforza o equilibrio, e tamén o diálogo natural, que debera existir entre a produción escrita nas distintas linguas. Algo así tentou explicar Gonzalo Hermo nas súas declaracións, non sempre ben entendidas.

‘Celebración’, título da obra do escritor de Taragoña, que fora distinguida xa co Premio da Crítica, é un libro innovador e radical na súa escritura, malia seguir camiños polos que transitaron algunhas das mellores voces da poesía galega, con Chus Pato ao fondo. O autor deixa atrás neste seu segundo libro -‘Crac’ fora publicado en 2011- algunhas actitudes mostradas na poesía anterior, tal é o caso da presenza do pasado, os contidos explicitamente políticos ou a densidade conceptual. ‘Celebración’ supón unha evolución cara a un universo poético propio, compacto e envolvente. O libro ve a luz ademais nunha coidadísima edición, ilustrada por Mauro Trastoy, que serve de presentación ao selo Apiario, promovido polas tamén poetas Antía Otero e Dores Tembrás. O Premio Nacional de Poesía Joven, alén de distinguir un autor que escribe na lingua da periferia, galardoou un proxecto editorial alternativo e emerxente, e fixo, deste xeito, unha fotografía realista tanto da literatura galega como das literaturas que conviven na actualidade no estado.

'Celebración'
Comentarios
ç