Opinión

As chamadas invasivas

ESTA TARDE recibín unha nova chamada invasiva. Entran a cotío sen pedir permiso nin mirar a hora, en calquera momento do día, mesmo da noite. Fano imitando a maneira de proceder dos coñecidos de vello e pronuncian a cada pouco o noso nome, botando man dun envoltorio lingüistístico preparado para a ocasión. Falan de persoa escollida, de produto pensado para nós, de oportunidade, de vantaxe ou de obsequio, como se verdadeiramente fose un agasallo o que nos achegan. Son teimudas no caso de non daren con nós e firmes no recitado da mensaxe que queren transmitir, até o punto de non deixar fenda ningunha no discurso pola que sexa posíbel intervir, moito menos retrucar. A chamadas comerciais irrompen no traballo, no xantar, no paseo, na compra do supermercado ou no medio da película con tarifas telefónicas, seguros e outras mercadorías. Son persistentes e as máis das veces inoportunas. Invasivas.

Mudo a perspectiva para me situar por un momento no lugar da outra, da persoa encargada de vender a través da telefonía, cos seus obxectivos e as súas comisións, coa presión ás costas. Póñome na pel de quen foi adestrada para nos convencer cun produto que non precisamos nin nunca se nos ocorrería adquirir. Podo comprender as teimudas estratexias que por veces cruzan esa delgada liña que non está descrita en ningures pero que case sempre acaba provocando malestar. A das preguntas persoais como a que me fixeron esta tarde, despois de que tivese que escoitar unha locución de varios minutos onde se me recordaba, non sen insistencia, o catálogo de accidentes dos que podía ser vítima: poderíame dicir a razón pola que non lle interesa o produto? Tamén das que procuran responsabilizarnos dunha mala decisión e nos reprochan como podemos non aproveitar esta oportunidade? É o mercado dos vendedores sen rostro e da inmediatez, que resta capacidade de reacción, como táctica.

O feito de convivir a cotío coa publicidade, de asimilala con de xeito natural e mesmo de chegar a ver nela un obxecto estético, non consegue volverme inmune ás chamadas invasivas, nin tampouco facer a miña reacción a semellante perseveranza máis amábel e cortés. Tampouco é capaz de evitar a sensación de intromisión que me produce contestar unha chamada non desexada, nin a sorpresa ante reproches como o que recibín cando rexeitei varias veces a oferta dun produto que se me presentara cunhas contas da leiteira nas que non fun quen de confiar: pero como é posible que vostede non queira aforrar diñeiro? Queda só aclarar que estas preguntas que irrompen a miúdo na miña intimidade son formuladas, agás ben contadas excepcións, en castelán. Aínda que o que se me pretenda vender sexa un produto pensado para min. Aínda que eu sexa a persoa escollida.

Comentarios