domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

Como en Islandia

UN DOS CLÁSICOS da xornada de reflexión é a declaración, por parte dos candidatos, de a que dedican o tempo libre. Emprego de maneira deliberada o xénero masculino para evidenciar o predominio dos varóns fronte ás mulleres conforme se escala na pirámide do poder: un exemplo, os protagonistas dos populares debates nos medios. Dicía que na xornada de reflexión os candidatos acostuman deixarse fotografar en actividades deportivas ou familiares e explicar que, como se dun anódino domingo pola tarde se tratase, sen obrigas nin nervios, dedicarán unhas horas a ler un libro. De termos en conta estas e outras afirmacións procedentes tanto do mundo da política como da intelectualidade e mesmo o famoseo, teriamos que deducir que a lectura é a ocupación preferida para os momentos de ocio. Ler, seguido de escoitar música, soe estar nesa listaxe de hobbies de calquera persoa que se prece, na que nunca estarán, polo contrario, tomar as cañas, calcetar ou durmir a sesta. Semellantes confesións baten contra os datos que vén ofrecendo o barómetro do CIS e que sitúa arredor dun 35% a porcentaxe de persoas que non len nunca ou case nunca.

Estes días de atrás circulou polas redes información relativa aos hábitos de lectura en Islandia, en particular ao jólabókaflóð -literalmente, inundación de libros antes do Nadal-, que é o termo empregado para se referir á campaña especial levada a cabo polo sector nesta tempada. Nos diferentes comentarios sobre o tema salientábase o costume de agasallar libros durante as festas, así como a tradición de pasar a Noiteboa lendo os libros regalados, unha práctica que ben podería rescatar a moitas persoas ás que a celebración lles resulta tediosa ou por algunha razón triste. Non é esta a única información relacionada con Islandia e a lectura que acostuma aparecer nos medios. Fálase a miúdo da tradición lectora dos habitantes do país, do amor polos libros como agasallo ou da proliferación de escritoras e escritores nos últimos anos. Botar man das longas noites do inverno ou da condición contadora do pobo islandés semella unha explicación simple de máis para tal fenómeno.

Se de política, cultura e libros falamos, non é de estrañar que unha mire con admiración o fermosísimo país nórdico onde a práctica totalidade da poboación está alfabetizada, onde existe un dos sistemas educativos máis recoñecidos do mundo, onde é posíbel mercar libros mentres se bota combustible ou se toma un café, e onde unha muller que se declara publicamente lesbiana consegue ser elixida primeira ministra. Ao ver como por estes lares a cultura se converte tantas veces en ornamento, e a lectura en hábito impostado, unha sente envexa doutros modelos posíbeis de educación cuxos resultados son apreciábeis máis alá de estatísticas, informes e outros documentos.

Como en Islandia
Comentarios
ç