domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

Contradicións do Nadal

ESCOITAMOS acotío que non nos gusta o Nadal, que nos parece un tempo de consumismo absurdo, de alegría finxida, de melancolía intensa. Dicimos, e non sen razón, que a retórica destas datas fai máis dolorosa a ausencia de quen xa non está. Aborrécenos a inxenuidade dos desexos, a hipocrisía dos discursos e a maquillaxe da realidade. Críspannos as alteracións que os ditados do capitalismo, nunha das súas formas máis consolidadas, acaban causando na vida cotiá: as aglomeracións, as colas, a subida desproporcionada dos prezos ou o desabastecemento. Repetimos acotío que non nos gusta o Nadal e acabamos, un ano máis, deixándonos levar por afectos e inercias, e participando de moitas das cousas que criticamos.

Tal contradición, propia talvez do ser humano e arrequentada por non poucas estratexias comerciais, volveu aflorar nos medios na imaxe dunha praza de abastos abarrotada nas horas previas á noiteboa, acompañada dunha información sobre a cota astronómica que acadaban os prezos dalgúns manxares. Aflorou na masa humana que invadiu rúas e centros comerciais e que, estatisticamente, tería que estar composta, en proporcións que non é cousa agora de calcular, por xente á que lle gusta e á que non lle gusta o Nadal. A postal, típica tamén nestes días, dunha familia extensa, unida e amante da boa mesa, que se reafirma diante da cámara no valor da tradición semella a estas alturas trasnoitada de máis, a non ser que a intención de tal escolla sexa presentar as virtudes dese modelo fronte a outros moitos posíbeis de familia e de convivencia. Dado que a noiteboa deste ano estivo precedida dunhas eleccións, querería engadir a este apuntamento dúas anécdotas que me chamaron a atención nas últimas horas, por chocalleira unha, por preocupante outra. A primeira é como algúns medios converteron en noticia as discusións familiares na cea de noiteboa, previsibelmente máis frecuentes este ano pola cuestión política, e mesmo achegaron consellos de persoas expertas para evitar o conflito. A outra, a razón que a unha comerciante lle deron para explicar a baixada nas vendas desta campaña: o resultado das eleccións. Unha vez máis, o medo revélase como ferramenta útil para deslexitimar resultados e disfrazar fracasos.

Que ninguén vaia ler nestas liñas alegato ningún contra o Nadal. Non son as festas, as reunións os menús nin os afectos o que a moitas persoas nos aborrecen: é a tiranía do diñeiro e o conservadurismo das formas. É por iso polo que neste ano, no que a iluminación do Nadal foi en moitos lugares obxecto de polémica, eu escollo para felicitar as festas ás persoas que me len unhas luces que se acenderon de maneira extemporánea no meu val: as das flores dunhas mimosas, que logo dun outono cálido, decidiron abrir para alegría e sorpresa de todas.

Contradicións do Nadal
Comentarios
ç