Opinión

Dedicatorias

PUIDEN exhibir estes días de atrás a dedicatoria que Manuel María fixo no meu exemplar de Os soños na gaiola en marzo do ano 1984. Foi nunha visita ao instituto da que pouco máis lembro que a figura dun home estilizado, ilusionante e amábel. Entre os versos que recitou de seguro que non estaban os do exemplar que eu levei para que mo asinase, unha lectura impropia da idade adolescente. Non obstante, o meu Manuel María era aquel e, como contei non moito nestas liñas, o das Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela. Son as lembranzas que eu teño do encontro cun dos escritores que, xunto con Bernardino Graña, viñeran visitarnos nuns anos nos que Neira Vilas non frecuentaba aínda terras estradenses. No caso do poeta de Cangas, acudín tamén ao seu recital cun libro para que me dedicase, nunha práctica que ía xa interiorizando. Desta volta, tanto a escolla como a dedicatoria do exemplar -souben logo que Gérard Genette, estudoso das envolturas do libro como tal, así o chamaba- tiñan unha natureza diferente. O libro era Se o noso amor e os peixes... e Bernardino Graña aproveitou a ocasión para corrixir nel unha errata grave que cambiaba o sentido dun dos poemas. Naqueles recitais iniciáticos aprendín tamén que alto tan sacralizado como a edición non era nin moito menos unha ciencia exacta.

Andando o tempo, foron moitas as presentacións e os recitais aos que asistín e diferentes as cadeiras nas que me cadrou sentar. Confeso que foron poucas as veces que me puxen na fila das sinaturas, o que non quere dicir que non agradecese de corazón todas aquelas que me fixeron. A quen coñeza a miña bibliofilia moderada e, sobre todo, a maneira na que acostumo estragar cunha longuísima dedicatoria os libros que agasallo, talvez poida sorprenderlle que non sexa unha gran coleccionista de dedicatorias, fóra de dúas excepcións: aquelas feitas desde a amizade e aquelas escritas para outras persoas e atopadas ao chou, en exemplares herdados ou librarías de vello. As primeiras atesóuroas como ben prezado e volvo visitalas de cando en vez do mesmo xeito que fago coas lecturas máis queridas. As segundas sempre pensei que agochaban narracións en potencia que un día, nalgunha das vidas que me restan, me gustaría escribir. Na que estou gastando agora mesmo non me tocou en sorte facelo, pero si achegarme con instrumentos de disección a algunhas dedicatorias que, igual que os títulos ou as citas reproducidas a xeito de epígrafe, constitúen un valiosísimo obxecto de estudo. Entre tanto, e a pesar de non ter por costume -pedir non me é dado- facer cola en presentacións e casetas, sigo abrindo con admiración os libros escritos na primeira páxina e celebrando aquelas palabras privadas que de cando en vez chegan como prezado agasallo ás miñas mans.

Comentarios