Opinión

En campaña

MÁIS ALÁ da súa función primeira, que sería gañar o meu voto, hai unha parte das campañas electorais que sempre me pareceu interesante. É aquela que ten que ver coas estratexias publicitarias: os slogans, as imaxes, os spots. Reparo neles da mesma maneira que reparo nos anuncios da Coca-Cola ou no modelo de coche exhibido nun valado. Atráeme a súa forza estética e atrápame a arquitectura das mensaxes verbais que os arroupan. De igual maneira que na publicidade, nas sucesivas campañas ás que fun asistindo ao longo da miña vida de votante, percibín cambios nas actitudes, na escolla de destinatarios, nas tendencias da comunicación e tamén, por suposto, nas estéticas, por non falar das transformacións traídas polas novas tecnoloxías. En canto mensaxes situadas nun espazo e un tempo concretos, as campañas avellentan mal. Non hai máis que recordar lemas certeiros no seu momento que hoxe nos parecen trasnoitados, simplóns ou desafortunados. 

Dei en pensar nisto hai cousa dunha semana ao ver aparecer, da noite para a mañá, a cartelaría electoral nas rúas da cidade. Contra o que cabería agardar se se teñen en conta as novidades destas eleccións autonómicas no relativo aos protagonistas e ás formacións, a campaña está a suscitar en min unha curiosidade menor que outras. A canseira producida polas dúas eleccións xerais até o de agora infrutuosas de seguro que rebaixou unha curiosidade minada tamén pola falta de excepcionalidade que caracteriza desde hai algún tempo as semanas que preceden a consulta. O estado de precampaña vivido de xeito case permanente pode minimizar nalgunhas votantes os efectos da campaña en si. Entre nós, hai demasiado tempo que a política, no seu acontecer cotiá, se converteu nun teatro non moi diferente ao dos momentos máis intensos que preceden aos comicios. 

Nin as paternidades, máis propias de revistas do corazón, nin un debate a cinco xogado na casa lograron ao meu entender dar intensidade á campaña e facer brillar doutro xeito os discursos. Talvez a clave estea aí: na degradación dos discursos, tantas veces construídos, a golpe de faca, sobre a retórica do descrédito e o todo vale na destrución dun inimigo co que, se cadra, haberá que sentar a falar. Talvez sexa esa a causa do cansazo dunha campaña que, polo demais, segue a ter o mesmo hiperbólico pano de fondo da corrupción e a desfachatez. Non obstante, alén de novas caras e novas marcas, observo nesta campaña unha singularidade canto á forma: a utilización crecente do castelán no espazo público, desde o desafortunado autobús bilingüe de Ciudadanos até algún mitin multitudinario do presidente en funcións, pasando por carteis e declaracións públicas de máis dun candidato. Outro paso atrás importante en materia lingüística. Aran os bois e chove. Mesmo en campaña.

Comentarios