miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

Esoutra vida virtual

LEO CASE a un tempo, por esas casualidades que acontecen de cando en vez, unha reportaxe sobre a desintoxicación dixital como tendencia, e outra sobre o recoñecemento da desconexión fóra do horario de traballo como dereito. A primeira propón un xeito de vida á marxe da hiperconectividade desde a que afrontamos o día a día. Entre as accións nas que se concreta esta filosofía, que a priori semella un bo antídoto contra o estrés, non só están hábitos domésticos senón tamén propostas no ámbito do ocio, como a creación de espazos libres de cobertura en restaurantes e hoteis, ou a concienciación sobre o abuso que acotío facemos de dispositivos móbiles e redes sociais. Queda por saber en que medida a falta de conectividade durante, por exemplo, unha fin de semana resultaría relaxante ou se, polo contrario, xeraría inquietude e tensión. De existir, como non nego que exista, un problema máis ou menos xeneralizado de intoxicación dixital, a terapia tería que ser algo máis complexa que un inhibidor de frecuencias ou un apagón.

A outra reportaxe, eclipsada talvez polas novidades políticas da casa, abordaba un dos puntos da polémica reforma laboral que pretende sacar adiante o goberno francés. A desconexión dixital fóra do horario de traballo está contemplada neste caso como un dereito. A medida eximiría de coller unha chamada da empresa durante o tempo de lecer e de contestar consultas intempestivas por whatsapp ou correo electrónico. Ao pensar sobre o asunto e imaxinar o que podería ser a implantación dunha novidade así na nosa lexislación laboral, non son poucas as dúbidas que me entran acerca da súa conveniencia e, sobre todo, da súa eficacia. Difícil negociación ía ter este dereito en empresas de reducido tamaño ou en determinados sectores profesionais. Inviábel semella tamén para a maioría das persoas que traballan por conta propia, por non falar do debate que abriría acerca do emprego, para fins particulares, do móbil e as redes sociais na empresa ou na administración.

Non dubido de que a posibilidade de estar dispoñíbeis en calquera momento e lugar, alén da adicións que poida crear e doutros alarmismos, nos acabe convertendo a un tempo en persoas conectadas coa nosa xente no posto de traballo e en oficinas virtuais alí onde vaiamos. Desenmarañar o público e o privado semella ás veces tan difícil como trazar xa unha fronteira entre o físico e o virtual. De podermos configurar o noso propio código, resultaríanos de seguro ben difícil regular uns usos e outros, igual que elaborar unha normativa que fose moito máis alá do sentido común. O único que de todo isto non ofrece dúbida é a centralidade que, sen nos decatar, acabou tendo esoutra vida virtual que levamos no peto.

Esoutra vida virtual
Comentarios
ç