Opinión

Estado de desconfianza

A DESCONFIANZA non ten glamour. Todo o contrario, adóitase considerar unha actitude ruda, asociada á ignorancia e ao atraso, e propia de persoas que non teñen mundo ou ben que viven fóra del. Daquelas que recean da novidade e do descoñecido, das que descren tanto dos pesos a cambio catro pesetas como das oportunidades que o sistema brinda, das que gardan un haino que mirar sempre no peto. Se en materia de cartos entramos, a desconfianza acostuma vendérsenos en termos de mesquindade, de descoñecemento e de covardía. En definitiva, a desconfianza é, na sociedade actual, algo que debemos esconder para garantir a aceptación e o éxito, e tamén para que as engrenaxes sigan con naturalidade o seu movemento, para que circule o diñeiro e para que poidamos seguir sendo felices e comendo perdices.

No entanto, e por procurar un caso recente, de ver o filme El desconocido, que aborda desde o thriller a fraude das preferentes e outros produtos tóxicos, unha querería coller os seus humildes aforros, mesmo a nómina do mes, e marchar con eles a correr para debaixo do colchón, ou para dentro da pota grande de facer o caldo, ou para calquera recuncho do faiado ou da bodega. A película, que desenvolve o fío da vinganza dun dos afectados pola estafa, non fai senón ficcionalizar unha realidade coñecida, e en moitos casos dramática, que a nosa memoria acuática parece comezar a esquecer. Alén diso, inocúlanos importantes doses de sospeita non só a respecto da banca senón tamén do poder. Quen se achegue estes días ás salas de cine poderá interpretar, nesta clave ou noutra, o final da magnífica película de Dani de la Torre que a unha lle gustaría diferente.

Mencionei El desconocido e o tema das preferentes, pero podería traer aquí calquera outro exemplo. Non foi diferente a sensación unha sentiu ao coñecer a fraude dos motores trucados de Volkswagen, marca de prestixio fabricada nun país abandeirado da preocupación polo medio ambiente. Tamén ao saber das argalladas das compañías eléctricas para o deseño de desmesuradas facturas, por non falar das empresas de telefonía e os seus constantes abusos, ou da impunidade coa que se comportan algunhas compañías aéreas. Capítulo á parte merecería a fraude institucional e a innumerábel de casos abertos, pechados -as máis das veces en falso- e por abrir. Capítulo á parte, digo, pois neste ámbito, a corrupción e a fraude son moitas veces asumidas como males endémicos e irremediábeis, como sinais de identidade, como trazos da idiosincrasia do país. Ante acontecementos coma estes, non queda outra que instalarse nun permanente estado de desconfianza -mellor que de alerta- que, malia non estar á moda nin ser elegante, si resulta imprescindíbel para a supervivencia.

Comentarios