Opinión

Estradas

ONTE Á NOITE tiven que frear de maneira algo brusca e coa estrada aínda mollada. Foi, recoñézoo, unha freada talvez esaxerada, pois alarmeime ao ver aparecer, a non moitos metros do coche que conducía, unha persoa cruzando. A luz non era moita -tampouco o era a velocidade miña- e a persoa, da que aínda son quen de visualizar a silueta, apareceu de repente na escena e pasou dun lado a outro para para se meter nunha taberna situada á beira da estrada nacional. Cruzou decidida e con paso lixeiro, allea posibelmente á miña alarma e á miña freada. Máis que o sobresalto ante unha situación que estivo en todo momento controlada, asaltoume un deses pensamentos que chegan para quedar un tempo: o da falla de visibilidade dos peóns durante a noite e o do risco que para eles comporta cruzar unha estrada por unha zona non sinalizada sen ningún elemento reflectante. E, tirando do nobelo mentres conducía, tamén do axiña que se tropeza, de maneira inesperada, coa morte no camiño.

Relacionada precisamente con peóns que cruzan está outra imaxe imborrábel, a pesar dos anos que deberon transcorrer desde que a presenciei. Foi no luscofusco, e tamén noutra das estradas que comunican as cidades galegas. O lugar era nesta ocasión bastante máis perigoso: unha zona en costa, de tres carrís, con limitación de velocidade só para o de baixada, e non lonxe dunha curva. O que cruzou nese momento foi un grupo bastante numeroso de persoas vestidas case todas elas de negro que, segundo deducín, acababan de baixar dun autobús que as levaba para un funeral. A inesperada aparición daquela manda humana que camiñaba, caendo a noite, cunha certa dificultade supuña un verdadeiro perigo tanto para ela como para o tráfico, tendo en conta a natureza do tramo. Máis alá diso, resultaba unha imaxe poderosa na súa fermosura inquietante. Ao tempo que a conciencia do risco que supón camiñar e conducir na noite por moitas das nosas estradas, tamén aquela fotografía se gravou en min. O mesmo que a dun carro de herba que vira unha vez cruzar un paso a nivel da AP-9, antollóuseme unha metáfora da Galicia que non fotografamos.

Cando escribo estas liñas está aínda quente a nova do accidente acontecido na A-6, preto de Lugo, provocado por un vehículo que circulaba no sentido contrario. A condución temeraria en extremo ocasionou nesta ocasión un sinistro co saldo dunha morte e tres persoas feridas. Ademais de tráxica, a noticia resulta preocupante, tanto pola falta de seguridade da rede viaria, en concreto de autovías e autoestradas, como polas dimensións que pode acadar a estupidez humana. Nesta imaxe, a dun condutor kamikaze, non hai grandeza nin fermosura de ningún tipo. Tan só hai iso, estupidez, alén doutras cualificacións morais.

Comentarios