Opinión

A Europa que avergoña

"Ningún ser humano é ilegal", volvemos ler estes días en carteis e pancartas. A forza de repetila, a consigna interiorízase e perde, no proceso, parte da forza derivada do seu terríbel significado: ningún ser humano é ilegal. Se puidésemos descontextualizala, a frase semellaría un paradoxo, un sen sentido ou, como moito, o produto dunha confusión entre, por un lado, desprazamentos e fronteiras e, por outro, persoas e vítimas. Erradicadas da linguaxe e do discurso público expresións xenófobas e afirmacións noutrora habituais acerca da condición dunha determinada etnia, ninguén semella reparar nesta consigna sen ir máis alá da súa reivindicación. Como se aquilo que nega, a ilegalidade de determinados seres humanos, non fose o argumento que xustifica as súas condicións de vida extremas nin a súa devolución ao inferno. Como se a violación dos dereitos humanos que a cotío están a padecer os refuxiados gozase dunha legalidade incuestionábel, atribuída desde unha superioridade moral.

Non hai motivos para a esperanza nas liñas que escribo. As imaxes do drama humanitario que se veñen a difundir semana tras semana son a representación da vergoña. As fotografías tomadas na area ou no campo de refuxiados que están a ocupar a prensa e as redes socias non admiten xustificación en termos económicos nin de estado. Non é posíbel desta volta atribuír o sufrimento á fatalidade, a unha desas catástrofes naturais que ciclicamente se ceba coa xeografía da miseria, nin tampouco ao terror sementado por ningún grupo terrorista. Tampouco resulta presentábel aquí o argumento da desesperación dunha Unión Europea atemorizada pola chegada masiva das vítimas dunha guerra, e menos o dunha situación que colleu o vello continente por sorpresa. Calquera explicación que queira darse á decisión de expulsar os refuxiados tomada polos vinte e oito bate de maneira inexorábel cunha ética que semella igualmente desterrada.

Desde a poesía lévanse contestado historicamente os discursos máis crueis. A súa inofensiva aparencia convértea nun lugar privilexiado para a intervención. Tamén ocorre cun xénero tan dificilmente catalogábel como é a poesía visual. Paréceme oportuno lembrar unha composición do volume Contradicións, que publicou en edición restrinxida en 2009, a Corporación Semiótica Galega. Trátase dunha singular representación cartográfica. O norte de África aparece debuxado como a figura dun home de idade, barbado, que mira con serenidade a Europa. O vello continente ten nesta estampa o rostro dunha muller que lle planta cara, furiosa e cunha pancarta na man: "GO HOME". Vista hoxe, a elocuente composición da Corporación Semiótica Galega semella o retrato benévolo dunha África que agarda e unha Europa que avergoña.

Comentarios