lunes. 17.05.2021 |
El tiempo
lunes. 17.05.2021
El tiempo

Eventos e novidades

O MES de abril chega á súa fin e, igual que as margaridas e os pampillos, florecen por todo o país feiras do libro e actos literarios, moitos deles na memoria do escritor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, Manuel María. Do outro lado do mar chegan tamén novas sobre unha das feiras de referencia, a de Bos Aires, que este ano tivo ademais a Compostela como cidade convidada. Con dimensións máis reducidas van abrindo as casetas en diferentes lugares da xeografía galega para mostrar unha mercadoría necesitada, talvez máis que nunca, de promoción e mercado.

Non deixa de ser curioso como a aproximación do libro a un público que por veces semella ter as súas reservas á hora de entrar nunha libraría segue a ser, na era da venda online, un dos principais atractivos dunhas citas onde o balbordo, os encontros casuais e mesmo o frío que moitas veces acompaña acaban sendo parte do seu encanto. Tamén o son as conversas coas persoas que rexentan as librarías, que tantas veces conseguen converter o libro en obxecto desexado e meter na bolsa, canda el, algo das súas lecturas e moito da súa ilusión pola palabra impresa no papel. Reclamo igualmente curioso das feiras tamén é a presenza de escritoras e escritores, a posibilidade de velos, de escoitalos e mesmo de que nos asinen un exemplar, nunhas cidades ou vilas nas que atopármonolos no supermercado ou no bar é non é cousa inusual. Son estas as ofertas que convidan a achegarse a unha feira que ten como principal obxectivo a venda de libros, tanto dos que acaban de saír do prelo como dos que levan tempo publicados ou das reedicións. Porque, a diferenza dos escaparates, as feiras mostran non só a novidade senón tamén aquilo que na xerga profesional se coñece como fondo ou catálogo. Iso que andeis e suplementos literarios condenan, ao cabo de poucos meses, ao esquecemento.

Contra o esquecemento organízanse tamén as numerosas homenaxes que comezan a celebrarse conforme se achega o 17 de maio e que, nesta ocasión, honran a quen foi tamén libreiro e activista das letras. Nada que dicir tampouco a todo este calendario de celebracións, unhas verdadeiramente sentidas, outras programadas nas axendas, fóra dunha preocupación que talvez teña máis que ver coas xornadas de diario que coas de festa. Falo do temor de que os actos dun día vaian ocultando os baleiros do día a día: as tesoiras nos orzamentos, a falta de apoios á cultura, as ausencias, as exclusións, a situación da lingua e outras miserias. Falo do medo a que as excepcións acaben ocultando a norma. Do receo a que a cultura galega que estes días abrocha se vexa reducida a novidades e eventos. A flores dun día na primavera das letras.

Eventos e novidades
Comentarios
ç