Opinión

A excepcionalidade de voar

O LECER E AS aglomeracións son as dúas caras da moeda do verán. Na cara amábel, os días longos e solleiros, o reclamo dos areais, as festas gastronómicas e as verbenas, e esa largueza dos horarios do estío. Na cara b, as ringleiras, os xentíos, a saturación das actividades lúdicas, dos transportes, dos locais de ocio. Para quen pode gozar do verán vai unha cousa pola outra. Para quen non, os meses de xullo e agosto acaban volvéndose un pouco hostís. A todo isto hai que engadir, por suposto, os agostos que moitas persoas acostuman facer con subidas de prezos estacionais, modificacións nas condicións da hostalería e outros abusos sempre amparados baixo o paraugas da excepción vacacional. 

Entre os clásicos da tempada atópanse desde hai uns anos os colapsos nos aeroportos, que chegan cunha puntualidade paradoxal. O que se produciu estes días de atrás en El Prat ofreceu unha das primeiras fotografías desoutra cara do verán. Son días especialmente complicados polo comezo das vacacións, a compañía laméntao, terían que escoitar até se fartaren os milleiros de persoas que sufriron atrasos e cancelacións. Circunstancias alleas a nós, como se o incremento de pasaxeiros en determinadas datas non fose previsíbel e as actuacións planificábeis. A compañía ofrécelle desculpas, cambio e voo, aloxamento nun hotel, un vale para cear. Por suposto que ten vostede dereito a solicitar unha indemnización. Son as palabras que eu tamén escoitei hai cousa dun ano nese mesmo aeroporto no que moitas persoas perdemos a conexión a distintos destinos europeos, a maleta durante varias horas e a paciencia. Aquela mañanciña El Prat era un deambular de persoas que vagaban na procura de documentación para o seguinte embarque, da equipaxe ou dun furgón que as recollese para aloxalas nun hotel igualmente desbordado polo caos de Vueling. Pasadas esas horas, as promesas da compañía perderon tamén a súa conexión e todo quedou nun amábel correo electrónico, similar de seguro a moitos outros. 

A experiencia persoal do pasado ano non fixo senón confirmar unha impresión que sempre tiven a respecto das compañías aéreas e os servizos que ofertan: a súa excepcionalidade. Os prezos abusivos, as restricións na equipaxe, os cambios de última hora, os atrasos, as cancelacións... todo semella estar xustificado por causas de forza maior presentadas sempre como incontrolábeis polo ser humano. Os recortes no persoal, a afluencia de pasaxeiros en determinadas datas, problemas no tráfico aéreo ou problemas técnicos: todo serve para xustificar unha incidencia e deixar a quen viaxa indefenso. Máis alá dos problemas puntuais ocasionados, a impunidade das compañías constitúe a maior das contrariedades, a maior das rabias e, andando o tempo, a maior das desconfianzas.

Comentarios