Opinión

Falar galego

No Centro Hípico Casas Novas, de Arteixo, unha nena de dez anos foi supostamente —o adverbio está ou non presente dependendo da fonte que se consulte— discriminada por falar galego. A situación, que motivou o abandono por parte da rapaza do campamento de verán ao que estaba a asistir, foi posta en coñecemento da Mesa pola Normalización Lingüística, que denunciou o feito e convocou unha concentración de apoio á pequena. Ao parecer, as monitoras discriminaban en público o comportamento lingüístico da menor cunhas palabras tan tallantes como erradas. "Tu obligación es hablarme castellano". Son os datos que posúo. Descoñezo tanto o perfil da nena como o da súa familia. Pouco importa se era de procedencia rural ou urbana, se era neofalante ou se militaba na causa. A ramallada das circunstancias non debe impedir ver o bosque dos dereitos. Nada rebaixa ademais a gravidade do comportamento dunhas profesionais ás que lles encomendaron tarefas relacionadas co coidado e a formación.

De seguro que a algunhas persoas este conflito lles había recordar tempos nos que a represión dos usos públicos do galego era unha páxina máis do silabario. As anécdotas, coas súas correspondentes cicatrices, ateigan aínda hoxe a memoria colectiva. Como lle aconteceu ao Lolo de Rito da célebre composición de Manuel Rivas —"los pájaros de Juadalagara tienen la jarjanta llena de trijo"— o pau do mestre "matou" os sons e os nomes herdados por moitas nenas e nenos de Galicia. O proceso está dabondo documentado, tanto desde o punto de vista da literatura como da sociolingüística. O sorprendente aquí é que semellante discriminación se producise en plena democracia , co galego estabelecido como lingua (co) oficial, e cuns hábitos adquiridos por unha sociedade compracida coa súa madurez.

Negar situacións de certa incomodidade para persoas que empregan o galego en determinados contextos —ocórreseme, botando man da estatística antes que da xeneralización, a consulta médica, a notaría ou a boutique— sería faltar á verdade. Nada que non fose tampouco descrito nin analizado. Nada que non se saiba. O trazo que diferenza o caso do club hípico é precisamente a verbalización. As monitoras cruzaron a liña vermella ao enunciaren con palabras un prexuízo agochado baixo o manto do políticamente correcto. A humillación da rapaza pola súa escolla lingüística non é máis que a crónica dun fracaso anunciado: o das políticas lingüísticas. O incidente, reducido por algúns sectores —entre os que figura o propio club— á anécdota, volve ademais do revés un argumento recente, tan artificioso como falso e destructivo. Refírome ao da imposición do galego, que, con independencia dos réditos electorais que leva dado, queda, con situacións como a de Casas Novas, convertido en caricatura.

Comentarios