miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

Feliz ano poético

TOCOUME ESTES días, como soe acontecer, facer balance do ano que remata. Refírome a balance no ámbito literario: os mellores libros, os feitos máis salientábeis, a fotografía destes doce meses... A tarefa, téñoo dito en máis dunha ocasión, non me gusta moito, non porque non crea no método senón polo inxustas que resultan, xa se sabe, enumeracións, listaxes e taxonomías, máis aínda cando o espazo do que se dispón para facelas é limitado. Talvez sexa porque creo antes na cultura de todos os días que na das datas e efemérides, ou porque saiba do valor dos fíos máis invisíbeis do tecido. Aínda así, acostumo participar, sempre que son convidada, en foros nos que se procura unha análise do acontecido na cultura. Unha destas citas, convertida xa nun clásico, é a tertulia que o Diario Cultural da Radio Galega fai nas últimas semanas de decembro, cos críticos que colaboran no programa. Un ano máis foi grato conversar con Ana Romaní, Uxía, Natalia Poncela, Miguel Anxo Fernández e Camilo Franco para facermos a nosa particular diagnose do ano que marcha.

Facer balance crítico é un exercicio de decapado. Cómpre repasar ben a memoria traizoeira, e tamén a información, para chegar á cerna desbotando as maquillaxes estatísticas que a miúdo aplica o discurso oficial. Hai, por exemplo, que mirar con lupa o titular que celebra a recuperación, por vez primeira desde 2008, do consumo cultural en Galicia, e non hai que perder de vista os alarmantes datos a respecto da situación da lingua ou novas tan arrepiantes como a coñecida hai poucos días, que advirte de que o 60% dos actores galegos viven, cos ingresos da súa profesión, por baixo do limiar da pobreza. Facer balance non é nin doado nin as máis das veces gratificante.

Non quero eu, con todo, despedir o ano deixando un pouso de negatividade nas miñas. Seguindo as inercias do balance, vou facer o meu particular da poesía en 2016. Logo de varios anos facendo fronte a unha crise que trouxo como consecuencia a retracción editorial, a poesía segue a resistir grazas ao mantemento de coleccións históricas, á axuda dos premios literarios e a iniciativas innovadoras que, ou ben se consolidaron neste ano, como o caso de Apiario, ou ben deron os seus primeiros pasos, como a libraría e editora especializada Chan da Pólvora. 2016 foi especialmente fecundo no que á produción poética se refire, pois nel coincidiron interesantes libros de voces pertencentes a xeracións distantes, de Luz Pozo ou Xohana Torres aos novísimos Ismael Ramos, Antón Blanco ou as voces recollidas na antoloxía No seu despregar. Tal riqueza non só foi posíbel grazas aos sustentos económicos, empresariais e voluntaristas que acabo de mencionar, senón tamén a un público fiel. Será que precisamos tamén palabras como alimento. Feliz aninovo poético a quen lea as miñas prosaicas palabras.

Feliz ano poético
Comentarios
ç