domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

Fin de curso

CO MES de xullo rematan tamén de xeito definitivo as actividades académicas, a cada paso máis dilatadas e dispersas no calendario. As últimas, as do ensino universitario, ocuparon estas semanas con exames, titorización e defensa de traballos de fin de grao e máster e outras obrigas. O traslado de setembro a xullo dos agora chamados exames de segunda oportunidade foi unha das innovacións derivadas coñecido como Plan Boloña, que tiña como obxectivo a creación dun Espazo Europeo de Educación Superior. A implantación do proceso foi no seu momento tan prometedora como discutida na actualidade. Tamén o está a ser anos despois a avaliación do seu funcionamento e resultados, que non acaban de satisfacer a un sector importante da comunidade universitaria por cuestións que van moito máis da modificación dun calendario asumido durante anos. Entre tanto, unha parte da sociedade segue aínda desconcertada polo feito de que a universidade aínda non pechase ou pregunta con estrañeza que facemos a esas alturas camiño do traballo. Serán as inercias dun calendario mantido ao longo de anos, cos temidos exames de setembro. Tamén o descoñecemento do sistema educativo nun país que claramente dá prioridade a outras preocupacións antes que as do ensino. E, derivado en parte do disto, a percepción (non sempre inocentemente) creada que a sociedade ten do colectivo do profesorado.

Sexa como for, o mes que pecha case todas as portas e deixa en suspenso unha boa parte dos servizos, pecha tamén a do ensino. Este ano faino ademais con algúns interrogantes sen resolver. O primeiro deles ten que ver cos gonzos entre as ensinanzas medias e universitarias, non sempre ben engraxados. Ao alumnado de bacharelato agárdao no mes de setembro a derradeira Proba de Acceso á Universidade tal como se viña concibindo. Queda saber aínda como se vai deseñar, sobre todo no último curso, a Reválida. Tamén se vai haber unha confluencia ou achegamento entre os calendarios do bacharelato e a universidade, algo ben importante na proba de setembro que na actualidade se vén celebrando co curso universitario comezado. Falta saber en que medida se vai implantar a LOMCE, un dos textos máis discutidos nun país demasiado afeito á inestabilidade lexislativa no que á educación se refire. E falta, en definitiva, coñecer cal vai ser a situación política nesa altura, logo da celebración insólita dunhas segundas eleccións xerais e de acordos infrutíferos de cara á formación dun goberno. Esta última circunstancia, que debera ser anecdótica, pode ser non obstante crucial nun país que, en materia de educación, vén sufrindo como mal endémico as consecuencias de non ser quen de lograr un pacto e estado que garanta un marco estábel á marxe de intereses partidistas.

Fin de curso
Comentarios
ç