domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

Froita de tempada

A TRANSFORMACIÓN da rede viaria galega privounos en moitos casos de circular entre hortas e sementeiras. Aínda así, desde as estradas nacionais que aínda temos que coller para evitar a gravosa peaxe da autoestrada, é posíbel ver xente sachando, árbores froiteiras e fachendosos espantallos á beira de anchos prados e plantacións de millo debidamente identificadas cos seus carteliños informativos. Non é dos contrastes entre medianos e pequenos cultivos do que hoxe quero falar, senón dos postos ambulantes que se instalan ao pé das estradas para ofrecer estes días a súa mercadoría estrela: as cereixas. Da oferta que estas sinxelas instalacións teñen ao longo do ano, son sen dúbida os produtos máis agardados. Cobizadas na gastronomía e prezadas no imaxinario, as cereixas son, mesmo por diante dos amorodos, a froita máis celebrada da estación. 

Alén dun manxar saboroso, as cereixas na árbores son unha sinestesia da paisaxe. Contan que houbo un tempo no que o meu val, como de seguro tantos outros vales, era un manto de cereixa madura. A imaxe que quedou na memoria colectiva non foi curiosamente a dun Jerte en flor senón a dunha intensa mancha vermella tinguindo as aldeas. Tamén a das mulleres camiñando quilómetros con cestas na cabeza para achegaren a mercadoría ao coche de liña. O val cuberto por un manto encarnado e ducias de alfombras viscosas existiu un día, antes de que as cerdeiras marchasen. Antes tamén de que as pavías autóctonas apodrentasen pola lepra traída por especies de fóra, de que o híbrido e o roxo arrincasen o albariño e o tinto do país, e moito antes de que na feira se puxasen pementos de Marrocos e cebolas de Exipto. 

Isto non quere ser a elexía dun tempo que se foi nin duns modos –talvez si dunhas castes– desaparecidas, senón unha reflexión sobre outra perda: a do valor das cousas. Co pracer dos amorodos en xaneiro, coas cereixas que se venden no Nadal, co kiwi perenne e co zume do mango e da papaia fomos esquecendo sen decatarnos a excepcionalidade da froita de tempada, o seu calendario, a sorpresa da súa chegada, a loita corpo a corpo cos paxaros lambóns, a condición efémera do pracer. A froita de tempada que se exhibe inverno e verán en en supermercados e tendas, a que se amorea nos almacéns, deixou de ser feito extraordinario, manxar agardado, galano. A esta perda de valor tan só semellan resistir, xunto cos amorodos silvestres que aínda medran ao abrigo, as cereixas que agardan nas beiravías e tamén as que resistiron a praga e seguen a tinguir con tenues pinceladas vermellas a paisaxe nosa.

Froita de tempada
Comentarios
ç