miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

A illa deserta

O DESEXO de marchar a unha illa deserta estivo sempre presente, en canto soño de fuxida, no imaxinario colectivo. O ideal, vago e utópico, vestiuse con roupas varias collidas á literatura e tamén ao cinema, e chegou a infiltrar a linguaxe de diario. Enredándonos en pensamentos que ocuparon moitas veces a leria cotiá, como con quen marchariamos á paraxe idílica, que libro ou que obxectos persoais levariamos, fómoslle dando forma a ese lugar que gardamos nalgún lugar inconfesado de nós. A imaxe da soidade escollida é de certo poderosa. Tanto que é quen de servir de bálsamo para unha sociedade que vive atrapada, senón polo estrés, si por unha rixidez de horarios e obrigas que couta aquilo que verdadeiramente nos gustaría facer. Pensar nesa illa deserta é como pensar no lugar recóndito onde nacemos ou alguén do noso sangue naceu, no refuxio que fixemos de noso, na illa dourada nalgún mar. No fondo, recrearnos, aínda que só sexa por un intre, nunha vida máis tranquila, afastada de tarefas pendentes, de tensións, de incertezas e de conflitos. 

Atentas ao negocio, as empresas hostaleiras comezaron a ofrecer os seus produtos, máis ou menos afortunados, desde as casas rurais, que inicialmente vendían a autenticidade da aldea –ulir o esterco, muxir a vaca– até outros experimentos programados para experimentar algo semellante á soidade ou ao silencio. Para persoas máis aventureiras queda procuralo cun coche e un mapa, talvez un GPS, por estradas secundarias, apartándolle ás greas de turistas. Ou engulir quilómetros e idiomas nun vello autocar que semella non levar a ningures. 

Ao imaxinario da fuxida, que tamén callou na fala no mundanal ruido de Fray Luis de León, hai que engadir duns anos a esta parte a desconexión da telefonía e internet. Ben pouco acae nesa illa deserta á que romanticamente quereriamos fuxir cun libriño na man logo dunha tensa reunión de traballo un teléfono móbil, e con relativa resignación asumimos o feito de non termos cobertura no fondo dun canón. Cousa ben distinta é en que medida asociemos, no noso interior, non na superficie, a desconexión co relax e a calma ou, dito doutra maneira, se non sería o teléfono móbil o primeiro que levariamos para a nosa estadía nunha illa deserta. Lonxe de proporcionar tranquilidade, a falta de cobertura, mesmo nos momentos de lecer, é para moitas persoas un motivo de estrés. Falar por whatsapp, consultar as redes, mesmo o correo, son hábitos dos que parece difícil prescindir, tamén pola rúa, no café ou mesmo no cine. O teléfono móbil substituíu, durante esperas e horas mortas, o xornal, o pasatempo, o caderniño e, se cadra, tamén o voo da imaxinación. É por iso polo que, se cadra, habería que repensar o deseño da illa deserta –a fuxida– nos nosos días.

A illa deserta
Comentarios
ç