Opinión

As invisíbeis

CADROUME TER que falar en dúas ocasións recentes de literatura e ensino. Estoume a referir obviamente a falar en público e diante dun auditorio integrado nos dous casos por profesorado de ensino secundario e bacharelato. As preguntas que debía responder non eran doadas. Pedíaseme nunha delas que explicase se, ao meu entender, era posíbel (ou necesario) construír outra historia da literatura galega. Na outra convidábaseme a falar sobre como se poderían visibilizar desde a lectura dun canon as escrituras femininas. De que maneira resolvín, con maior ou menor fortuna, tales interrogantes non é agora o asunto. No que quero reparar é como nos dous relatorios tiven que determe nunha cuestión que atravesa o noso sistema educativo. Refírome á dependencia do modelo historiográfico ou, o que é o mesmo, á identificación nos currículos de literatura e historia da literatura.

Coas debidas excepcións, aprendemos literatura, sexa cal sexa o nivel educativo, a través da súa historia. Queda lonxe da miña intención cuestionar a validez do método e moito menos a importancia dos coñecementos historiográficos na aprendizaxe da literatura. Cousa diferente é a adopción deste modelo, adaptado aos distintos tramos do currículo, como único. Non vou falar xa dos seus perigos e excesos, como o de converter unha literatura nunha listaxe de nomes, obras e datas. Ademais de todo isto, o mantemento dun modelo historiográfico como único está a incrementar a invisibilidade que historicamente veñen sufrindo as autoras. Véxanse as expresións que acostuman rotular os diferentes capítulos das historias literarias (‘os poetas do Rexurdimento’) ou os baleiros existentes, no que a escritoras se refire, entre Rosalía, como moito, a literatura da posguerra. A historia acostuma silenciar os nomes e os discursos das mulleres en favor dos seus grandes protagonistas.

O nome de moitas escritoras esquecidas, cando non invisíbeis, foi restaurado, e mesmo incluído en ocasións no canon, grazas a traballos bibliográficos que entre nós desenvolveron Carmen Blanco ou Aurora Marco a comezos da década dos noventa. Pouco despois de repensar estas cousas con motivo do segundo faladoiro chegou ás miñas mans o volume Escritoras na Galicia do século XIX, editado polo noutrora alumno meu Carlos Andrés González Paz e publicado polo Instituto de Estudios Gallegos ‘Padre Sarmiento’. O libro reúne información sobre máis de 150 escritoras galegas -en sentido amplo- de expresión tanto galega como castelán. Son poetas, narradoras, ensaístas e dramaturgas que publicaron tanto na prensa como en libros ao longo da centuria. Á beira das autoras que até o momento considerabamos canónicas figuran moitos outros nomes e pseudónimos absolutamente descoñecidos que confirman unha vez máis o esquecemento das invisíbeis.

Comentarios