Opinión

Kruckenberg e a liberdade

HAI XUSTO UNHA semana, coma nun último acto de rebelión contra un calendario deseñado por outros -tocaba celebrar as Letras Galegas máis polémicas-, falecía no seu Vigo natal María do Carme Kruckenberg. Marchaban canda ela oitenta e oito anos de vida intensa en experiencias, xeografías e afectos. Quedaba unha voluminosa obra poética. Libérrima na adquisición dunha formación autodidacta, comezou a escribir poesía en castelán co libro ‘Las palabras olvidadas’ (1953), ao que seguiu ‘Cantigas do vento’ (1956), ‘Canaval de ouro (1962) e ‘Cantigas de amigo a Ramón González Sierra’ (1972). De termos en conta estes inicios, é obrigado situar a María do Carme Kruckenberg nese vasto e heteroxéneo mosaico que é a poesía de posguerra. No influínte estudo ‘De Pondal a Novoneyra’, que segue hoxe en día a se considerar de referencia, Méndez Ferrín encádraa na chamada Promoción de Enlace entre a xeración do 36 e do 50, á beira de Luz Pozo, Cuña Novás ou Antón Tovar. Cómpre ademais non esquecer que a súa voz debe situarse onda a daquelas escasísimas autoras que publicaron poesía nos anos da ditadura, mesmo nos primeiros da democracia, e recoñecerlle a súa condición pioneira.

Estendeu a súa actividade máis alá das páxinas dos seus libros e participou en obras colectivas motivadas por causas diversas

Foi, con todo, a partir dos anos noventa cando Kruckenberg desenvolveu un vertixinoso labor de escritura poética que deu lugar a unha obra integrada por un total de máis de vinte títulos. Igual que moitas das autoras novas que estaban a irromper na poesía daquel tempo, estendeu a súa actividade máis alá das páxinas dos seus libros e participou en obras colectivas motivadas por causas diversas, moitas veces sociais. Coma as novas compañeiras de oficio, coas que estabeleceu vínculos de amizade e sororidade, participou en numerosos recitais e actos públicos. Tamén nisto quixo María do Carme Kruckenberg tecer a vida á súa maneira.

A liberdade nas escollas foi sen dúbida o motor que moveu a súa vida. Así o exhibiu con orgullo en declaracións públicas e así quedou patente, xa desde o título, nunhas fermosas memorias que lle temos que agradecer a Mercedes Queixas: ‘Vivir, unha aventura irrepetible’ (2011). O amor, a amizade, a paixón pola viaxe, a literatura e a vida resúmense nun volume apaixonante que nos achega a unha muller, posuidora dunha elegancia singular, que espremeu as palabras e os días convencida da obriga de ser dona de si. É por iso polo que, ademais dunha extensa obra literaria, María do Carme Kruckenberg deixou como legado un modelo novo de muller escritora e de muller intelectual, distante dos modelos tradicionais pero, sobre todo, distante do modelo de escritor intelectual que desde os anos cincuenta -o momento das súas primeiras actividades- se instaurara na literatura galega. O mesmo que, o día que despediamos a autora, as institucións estaban a homenaxear.

Comentarios