Opinión

Lectura e terapia

FÁLAME UNHA AMIGA, sabia nestas cousas e en moitas outras, da técnica da biblioterapia clínica e de como está demostrado que a boa literatura lle dá á xente recursos para afrontar adversidades. Eu, que traballo cos libros en calidade de mediadora, por moito que practique por veces a erudición ou a disección, non podo máis que concordar mentres agardo con curiosidade por un artigo sobre o tema que a miña colega quedou en enviarme. A biblioterapia levoume a pensar na coñecida frase de Truman Capote “"as palabras salváronme sempre da tristeza", coa que convivín durante tempo porque estaba impresa nun marcapáxinas que alguén me agasallou. Máis alá da sentenza, cuxo verdadeiro significado tardei ben en entender, viñéronme á memoria algunhas das lecturas que fixen en momentos de enfermidade, cando o repouso era obrigado e as forzas as xustas para termar do libro, e cando a literatura semellaba o único camiño capaz de levar cara a algures. Lémbroas todas elas con asombrosa nitidez, non tanto no que se refire ao seu contido senón ás sensacións e pensamentos que experimentaba conforme avanzaba na lectura. A reconstrución que o acto de ler supón facémola, en situacións de fraqueza, desde a doenza, desde a dor e desde o medo. Son estas as pautas polas que inevitabelmente interpretamos historias coas que procuramos semellanzas e modelos que nos salven. Tal vez por iso a enfermidade deixa como feliz secuela para moitas persoas o hábito lector. 

Non resulta difícil comprender, sen coñecementos sobre medicina nin sobre teoría da literatura, os beneficios da lectura como terapia. Máis difícil é entender a desatención do sistema a todos aqueles aspectos que envolven a enfermidade: o estado de ánimo e as feridas psicolóxicas, as dificultades de integración social, a autoestima, a reintegración na cotidianeidade, e tantas outras consideradas apenas efectos colaterais e, en todo caso, males menores, como menor resulta en tempos de crise o concepto de benestar. Na literatura, como terapia están implicados os dous ámbitos que se viron máis lesionados polas políticas da austeridade, é dicir, dos recortes: a educación (desde a aprendizaxe á investigación) e a sanidade (desde a atención primaria até a saúde integral). Non parecen as circunstancias actuais as mellores para a formación e a posta en práctica de terapias como esta da que me falaba a miña amiga, máis aínda habendo outras urxencias descubertas das que non vou facer agora listaxe. Non obstante, son tempos propicios para a reflexión, para o deseño dun mundo mellor e, sobre todo, neste período que para moitas persoas é de lecer, para a (re)descuberta da lectura na que egoistamente atoparemos fíos, vidas e palabras que dunha maneira ou doutra nos acaben salvando da tristeza.

Comentarios