Opinión

Ler libros

A MAIOR PARTE das mensaxes que se leron e escoitaron esta semana a raíz da celebración do Día do Libro centráronse no papel. A exclusión doutras publicacións semella lóxica pola natureza da efeméride, pero non deixa de sorprender o esquecemento dos medios electrónicos, en particular do ebook, aínda que tamén da tablet, da pantalla do ordenador e mesmo do teléfono móbil.

Estou segura de que a alusión ao teléfono móbil como soporte de lectura ha desgustar a máis dunha persoa. O que pretendo con ela é chamar a atención sobre a necesidade de redefinir o concepto ‘libro’ con criterios axeitados á realidade que estamos a vivir. O alcance da cuestión non é pequeno, pois implica precisar que entendemos por ler e que queremos dicir exactamente cando afirmamos, por exemplo, que a mocidade de hoxe en día apenas le. Non o fai entón cando navega polos contidos que ofrece internet desde a pantalla do seu dispositivo? Outra cousa diferente é que le, o que abriría un novo debate protagonizado en boa medida polas redes sociais. Mais, volvendo á cuestión do libro, se por tal entendemos unha obra impresa -e entendemos ademais que os medios de impresión mudaron co desenvolvemento da tecnoloxía-, non debera preocupar tanto o soporte coma o contido. Daquela, e por buscar un exemplo representativo, aínda que se cadra un tanto irreal polo esforzo ocular que pode supor nun dos casos, cabería preguntarnos que asociamos antes con ler un libro, se ler ‘Ambiciones y reflexiones’ de Belén Esteban en papel ou ‘O Quixote’ na pantalla dun smarphone?

Nin a cámara nin a mensaxería instantánea ou as redes sociais semellan a priori ferramentas que teñen cabida máis alá do lecer

Deixando a un lado estratexias de mercado que talvez estean a ralentizar entre nós o desenvolvemento da edición electrónica -e estou a excluír agora as obras académicas e de investigación-, os novos soportes teñen aínda que derrubar moitos prexuízos que os seguen asociando ao ocio e ao lecer. Con todo, a presenza de portátiles e tablets é cada vez máis habitual en bibliotecas e aulas. No que ao móbil atinxe, a súa utilización é en ocasións clandestina debido á diversidade de funcións que o dispositivo sintetiza. Nin a cámara nin a mensaxería instantánea ou as redes sociais semellan a priori ferramentas que teñen cabida máis alá do lecer, o que explica o seu desaproveitamento no ámbito do ensino. A súa utilización en canto recurso, por outra banda ben familiar, levaría a que o alumnado descubrise utilidades impensadas, ensanchase imaxinarios e interiorizase ademais códigos de comportamento que non veñen no manual de instrucións. Non hai moito que lle pedín a un alumno universitario que deixase de centrar a súa atención no teléfono móbil mentres eu estaba a explicar unha obra literaria. Con certo rubor explicoume que o que consultaba na pantalla era precisamente o texto que estabamos a estudar. Batemos a miúdo cos nosos prexuízos, mesmo cando non cremos telos.

Comentarios