Opinión

As letras de tod@s

A EXPECTACIÓN xerada polo pleno da Real Academia Galega na xuntanza para decidir a persoa que se había homenaxear nas Letras Galegas 2016 foi un signo máis da anomalía -non no procedemento pero si no consenso social- das dedicadas a Xosé Filgueira Valverde. Os foros de opinión -moi especialmente as redes sociais- debateran abondo arredor deste dezasete de maio e pronunciáronse, semanas despois, sobre as candidaturas e sobre a decisión final. O recoñecemento da contribución da Manuel María foi unánime, como tamén o foi a valoración do seu compromiso político, da xenerosidade e das dimensións da súa obra. Numerosas voces puxeron de manifesto a débeda contraída co escritor por sectores diversos, entre os que destaca o asociacionismo cultural, cuxo papel na cultura galega semella esquecido pola historia. Súmome por tanto á celebración dunha figura incuestionábel, como incuestionábeis son tamén, na miña opinión, Ricardo Carvalho Calero e Xela Arias.

Se, alén da homenaxe, o ano de Manuel María consegue difundir a personalidade e a obra do escritor, e implicar ao tempo colectivos diversos da sociedade -gustaríame dicir que non unicamente- cultural, non ha ser pequena a colleita, sobre todo despois dun barbeito bastante malo de disimular. A contraposición, explícita ou implícita, entre o rexeitamento e a polémica provocados por Filgueira Valverde e o consenso que suscita o poeta de Outeiro de Rei non debe embazar en ningún momento a grandeza do chairego, como tampouco o han facer os comentarios daquelas persoas ás que nos gustaría ver igualmente homenaxeadas escritoras e disidentes.

Agora que ano de Filgueira semella rematar prematuro, tal se desprende dalgunhas voces, talvez sexa un bo momento para reflexionar sobre unha serie de cuestións arredor das Letras que levan tempo estando no fondo de pareceres e de críticas. A máis obvia e urxente semella determinar que Día das Letras Galegas queremos e cales son os camiños que poden levar a unha efeméride con maior enraizamento social. Alén disto, cumpriría tamén (re)pensar que son fundamentalmente as Letras Galegas e en que se converteron, se nunha celebración institucional, política, cultural, empresarial ou popular. Finalmente, e á luz dos argumentos que se levan manexado para xustificar ou desbotar candidaturas nos dous últimos anos, non estaría de máis pór enriba da mesa os ‘requisitos’ que estas deben cumprir, máis alá dos dez anos transcorridos despois da morte da escritora ou escritor. Débeda, ética, compromiso, eficacia ou consenso escoitáronse, á beira de exclusión ou marxinación, tanto nas xustificacións institucionais como nos debates. Clarificar estas cousas, á marxe do ano de Manuel María ou en homenaxe a el, axudaría de seguro a conseguir unhas Letras de tod@s.

Comentarios