domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

A literatura e os premios

DE PORTAS para fóra, relativizamos a miúdo o peso dos premios e a necesaria relación entre estes e a calidade das figuras ou obras galardoadas. A desconfianza axúdanos a fortalecer un criterio de noso, independente de academias e grandes empresas editoriais, que argumentamos botando man dun repertorio conformado polas escollas máis desafortunadas da historia dos galardóns literarios. Coñecedores dos factores espurios que moitas veces determinan a decisión dun xurado, do poder canonizador dun premio de renome, e tamén dos contiosos beneficios que xera nas industrias culturais, a distinción pode mesmo xerar un efecto contrario que, en lugar de atraer lectores, semente dúbidas a respecto da calidade dos produtos. Todo iso, por non falar dos inadaptados, toda unha familia de lectores que senten á marxe das tendencias que rexen os premios ao non veren a súa literatura de cabeceira representada neles. 

Sexamos crentes ou descridas, o que resulta innegábel é a gran repercusión que algúns premios seguen a ter na sociedade non necesariamente lectora. A proba máis evidente atopámola nas especulacións que desde hai unhas semanas se viñan facendo sobre o Nobel de Literatura e, sobre todo, nas reaccións aparecidas en medios de comunicación e nas redes a raíz da súa concesión a Bob Dylan. Desta volta, a escolla do cantautor estadounidense reune substanciosos elementos para a polémica acendida, desde a escasa fortuna que na Academia Sueca veñen tendo algúns candidatos –Murakami ou Roth–, até a menor visibilidade dalgunhas literaturas –Ngugi wa Thiong’o–, sen esquecer a reiterada preferencia por figuras masculinas, por dicilo dunha maneira obxectiva. Alén diso, o Nobel deste ano introduciu un novo elemento para o debate que afecta aos propios límites da literatura e que levou tanto a celebrar a grandeza do premiado como a cuestionar a súa entidade en canto escritor. Non sería de estrañar que a decisión de distinguir un músico sentase un precedente á hora de ensanchar os marcos do literario. De ser así, estaría ben que se recoñecesen, mesmo nas altas institucións, formas de expresión literaria até o momento discriminadas, propias do rexistro oral ou de soportes menos convencionais. 

Aínda que á hora de elixir as nosas lecturas relativicemos a súa importancia, os premios literarios e outras distincións igualmente canonizadoras seguen suscitando interese e movendo paixóns. Ben o sabemos na nosa literatura, non tanto cos premios literarios, que aínda cumpren en moitos casos a función de descubrir unha voz e promover unha edición, senón co Día das Letras Galegas, instrumento canonizador por excelencia e necesitado tamén de movementos sísmicos que redeseñen fronteiras e cartografías da historia da literatura galega.

A literatura e os premios
Comentarios
ç