Opinión

Literatura

CADROUME ESTA semana de ter máis dunha conversa sobre cultura e crítica. Nunha delas tiven como interlocutores compañeiras e compañeiros no oficio. Foi unha mesa redonda que se celebrou en Pontevedra dentro do programa de actividades paralelas aos Premios da Crítica que este ano se darán a coñecer na cidade do Lérez. Tamén nese foro, no que me acompañaban Isabel Mociño, Olivia Rodríguez e Ramón Nicolás, falamos sobre un tema que vén sendo recorrente como é a perda nos últimos anos de espazos para a difusión da crítica. Un breve repaso aos medios impresos e aos programas de televisión desaparecidos confirmou unha tendencia que fomos mesmo en ocasións capaces de cuantificar, en número de caracteres ou en minutos roubados por outros contidos, naquelas plataformas que hoxe en día perduran. A excepción a este devalo tan só a atopamos na proliferación de sitios en internet, ben sexan portais, revistas electrónicas, blogs ou perfís nas redes sociais. Nestes espazos instaláronse un bo número de voces críticas noutrora colaboradoras en medios convencionais.

Outro cinema, outra música, a poesía ou o debate resisten mal que ben en reducidísimos espazos, brillantes e emitidos a miúdo en horario intempestivo

Os datos que acaba de dar a coñecer o Estudo Xeral de Medios referidos ao que levamos de 2015 revelan a caída das publicacións en papel fronte a unha discreta subida de internet ou televisión. A tendencia tan só é quen de explicar, e de maneira parcial, a crise da cultura nos medios escritos. A razón de fondo atópase máis ben no desinterese xeral dos medios pola cultura e tamén no modelo de cultura que estes asumen. A grella dunha canle de televisión sintonizada ao chou constitúe un exemplo elocuente da simplicidade, frivolidade e, en definitiva, a mediocridade dunha oferta cultural homoxénea, infantilizada e de doada dixestión. O demais, é dicir, case todo, é sensacionalismo, ‘reality’, fútbol e unha boa dose de propaganda. Outro cinema, outra música, a poesía ou o debate resisten mal que ben en reducidísimos espazos, brillantes e emitidos a miúdo en horario intempestivo. Se a esta situación engadimos o factor lingüístico e centramos a fotografía na cultura galega as dimensións do baleiro medran desproporcionadamente, como medra tamén o voluntarismo que está a termar en moitas ocasións dela.

Destas e doutras cousas falamos nesa luminosa tardiña pontevedresa mentres que algunhas persoas apuraban a súa visita á Feira do Libro e outras ultimaban os detalles para acoller os membros da Asociación Española de Críticos Literarios. Alleos a outros balbordos, continuamos nunha agradábel terraza a conversa, interrompida de súpeto por un home que ofrecía, a cambio dunhas moedas, a súa mercadoría: chisqueiros e un libro, ‘La saga/fuga de J. B.’. A literatura é quen aínda de habitar as rúas das cidades e zumegar polas gretas máis impensadas.

Comentarios