Opinión

Mal de libros

ALGÚN DÍA, e dáme que non vai ser durante estas vacacións, terei que gobernar un pouco a miña biblioteca. Non digo catalogar os libros -moito menos contalos- senón intervir nas caprichosas arquitecturas que semana a semana medran, desafiando en ocasións as leis da gravidade. As urxencias cotiás, e recoñezo que tamén a preguiza, provocaron tal desorde do territorio que arrombar volumes nos andeis con algún criterio antóllaseme un esforzo titánico, por non falar da enxeñaría do almacenamento, mesmo dunha colección de dimensións comparativamente discretas como a miña. No que atinxe aos problemas de espazo, a portada á esperanza que abriu o mundo dixital -a literatura, a fotografía, a música, o cinema, o mundo todo! por fin nun pequeno dispositivo- non tardou en revelar unha necesidade, etiquetar e ordenar todos os materiais non tanxíbeis, que non é menor, por moito que iso sexa outro cantar.

Sen me considerar coleccionista, compradora compulsiva nin Dióxenes -concepto, por certo, ben simpático, unha síndrome de Dióxenes literaria!-, téñome preguntado que había detrás da afección por conservar centos de volumes, sobre todo de volumes que non eran de habitual consulta para a profesión ou a vida. Cando penso niso, vénme á cabeza unha pregunta que alguén me fixo hai anos ao se interesar, non sen estrañeza, pola razón, ou mellor dito pola utilidade de comprar tantos libros podendo lerse unha boa parte deles nunha biblioteca. Fóra do argumento da escolla de novidades e obras non sempre dispoñíbeis, e dunha hipotética relectura, lembro que non se me ocorrera outra cousa que resultase convincente. Pregunta clásica, formulada ás veces con retranca, é tamén se realmente lemos todo aquilo que amoreamos nos andeis. O que case sempre resulta ser unha brincadeira levoume a cuestionar un asunto ben máis transcendente para o meu propio interese como é o de cantas vidas precisariamos para lermos todo o que temos almacenado nas nosas bibliotecas físicas e, desde hai algún tempo, dixitais. O cálculo devólveme inevitabelmente á interrogación inicial: por que almacenamos? Que mal de libros estamos a sufrir? Cales son os criterios que nos levan á por veces caprichosa escolla das nosas compras e das nosas lecturas? Canto terían que agardar algúns dos libros que mercamos con máis agarimo?

Son estas preguntas que me fago nestes días de verán nos que tamén imaxino estoutra biblioteca que, sendo nosa, nunca imos ler. Práceme pensar que historias nos achegarían, a que universos nos abrirían a porta e en que medida quedarían en nós. Son cousas que cavilo mentres me deixo levar pola nugalla, barallo cal vai ser a próxima lectura e adío unha vez máis a tarefa de pór orde nesas arquitecturas de papel que semellan ter vida propia.

Comentarios