Opinión

Morrer

CADRARON ESTA SEMANA en Galicia, máis en concreto en Santiago de Compostela, dous casos relacionados coa morte e a infancia que, malia seren radicalmente diferentes, compartiron a repercusión mediática. O impacto do primeiro deles, o xuízo polo asasinato de Asunta Basterra, a ninguén sorprende se se ten en conta o interese que o tema espertou desde que se coñeceu a macabra noticia, hai agora dous anos. No segundo, a reivindicación por parte dos seus pais dunha morte digna para Andrea, nena afectada por unha enfermidade dexenerativa e irreversíbel que se atopa nun punto de non retorno, desatou en pouco tempo un aluvión de reaccións. A petición de non seguir a prolongar de maneira artificial o estado vexetativo e o sufrimento da menor, contra a vontade dos profesionais sanitarios que a están a atender, semella verse refrendada, aínda que con matices, polo informe do comité de ética. O asunto, que tristemente se está a coñecer xa como o caso Andrea, provocou tamén nestes días numerosas valoracións políticas, algunhas máis oportunistas que ben intencionadas. Xunto co debate dos profesionais e da rúa, estas declaracións volveron poñer no foco cuestións condenadas a se adiar no debate. Unha delas é o dereito a unha morte digna, cuxa garantía tería que ser regulada para que non dependa, como acontece, da vontade, ou da sensibilidade, ou da empatía, ou da formación ou da ideoloxía dos profesionais. A outra, e xa postas a falar sobre o dereito a decidir sobre a propia morte, é o da eutanasia.

Esta sociedade, tan pronta a reaccionar ante situacións como a que está a vivir Andrea e a súa familia, ou a chorar con películas como ‘Mar adentro’ ou ‘Million Dollar Baby’, móstrase logo timorata á hora de abrir novos debates que puidesen ir contra a moral, contra a orde e, en moitos casos, contra as crenzas relixiosas. Reprégase, igual que sucede tamén ante temas como o aborto ou a investigación con células nai, detrás do parapeto dos seus prexuízos e desprega, xa se sabe, rancias pancartas coa súa particular defensa da vida. Escribo estas liñas sen coñecer o desenlace do caso Andrea, aínda que temendo que sexan os tribunais os que acaben finalmente resolvendo a cuestión. O feito de que unha historia clínica, detrás da que está o sufrimento dunha nena e dunha familia, se teña que converter nun caso, e mesmo nunha cuestión legal, resulta ben preocupante, máis aínda nun momento no que a xestión da sanidade pública está a xerar tanta desconfianza. Moito me temo tamén que este episodio acabe, dentro de nada, no mesmo esquecemento no que se atopa o drama de moitas nenas e moitos nenos no mundo, e que o debate sexa unha vez máis adiado mentres se resolven outras urxencias da vida política e social, máis importantes e rendíbeis que o inexorábel feito de morrer.

Comentarios