domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

A narración do cotián

SE A LITERATURA son retallos de vida -realidade, mímese- ou arquitecturas de ficción é un debate vello. Esquecendo que posibelmente pendure entre unha e outra, lévase discutido abondo sobre se a literatura debe entreter e transportar a outro mundo que, se cadra, non hai ou se, polo contrario, debe espertar conciencias, deixar testemuño da realidade e mesmo intervir nela. Os diferentes momentos históricos, liderados por intereses diversos, xulgaron a escritura da época con varas de medir desta natureza, provocando exclusións e non poucos espazos baleiros nesoutro relato que é a historia da literatura. A galega sabe ben destes xuízos cando, por exemplo, mirou con receo a narrativa dun Cunqueiro ‘escapista’ que máis adiante había recuperar con honores para o seu canon.

Por fortuna, estas polémicas foron quedando atrás no seo da nosa e doutras literaturas, ou talvez foran enmascarándose en críticas á publicación ou o premio de novelas excesivamente autorreferenciais, culturalistas, ‘filoloxizadas’, ou dunha narrativa ‘de xénero’ que ten como obxectivo primeiro a diversión. Á marxe destas opinións, ou tomándoas como pano de fondo, o certo é que na narrativa galega que se está a publicar nos últimos anos foise infiltrando de maneira moi notoria a realidade máis cotiá: aquela que protagoniza xornais e espazos informativos, aquela que observamos cos nosos propios ollos, que nos preocupa e da que moitas veces somos vítimas. Pensábao esta semana lendo as páxinas de Galería de saldos, de Diego Giráldez, unha colección de relatos que, máis alá do diálogo coa creación artística, fala de vidas atravesadas pola perda do emprego, o desafiuzamento, a violencia de xénero ou a corrupción. O libro tróuxome á memoria algunhas lecturas tamén recentes, como ‘Dis-paro’, de María Canosa, ‘Tempo de bebidas isotónicas e fast food’, de Álex Alonso, ‘Liquidación de existencias’, de Ramón Caride ou o poemario ‘Masculino singular’, de Carlos Negro, que abordan desde a ficción temas a actualidade máis crúa. A eles habería que engadir autores atentos na súa obra ao acontecer social, como Diego Ameixeiras, Francisco Castro, por citar só dous exemplos dunha listaxe ben máis longa.

Convivindo con outras tendencias igualmente vigorosas, como a novela histórica, da memoria ou de aventuras, unha narrativa realista está a introducir desde hai tempo os expedientes de regulación de emprego, a corrupción, as preferentes, a violencia contra as mulleres, a precariedade laboral, o día a día de quen demanda emprego ou a desatención da dependencia nas páxinas da ficción. Son algúns dos temas da narrativa contemporánea e son, sobre todo, as preocupacións dunha sociedade e o testemuño dun tempo: unha función, por veces desestimada, da literatura.

A narración do cotián
Comentarios
ç