Opinión

Non pasa nada

DESAFORTUNADAMENTE, raro é o ano no que a desgraza non bate con forza nos días de verán para lembrarnos a cara máis crúa dunha realidade que por unhas xornadas cremos esquecer. Cando a traxedia acada unha dimensión pública, como é o caso do falecemento dunha persoa relevante, ou colectiva, as autoridades acostuman, agás algunha que outra ausencia da que dá conta a historia, abandonar inmediatamente as súas vacacións para acudiren ao lugar dos feitos. Se se trata de acontecementos que causan alarma ou conmoción, non é infrecuente que os responsábeis políticos, alén de compareceren ante os medios, convoquen gabinetes de crise. Episodios abondo, cos seus correspondentes arquivos gráficos, gardamos na memoria.

A traxedia non tivo nas últimas semanas a súa orixe no infortunio senón na ruindade do ser humano e, máis en concreto, na violencia machista que a nosa sociedade vén sufrindo como unha praga. Os episodios, arrepiantes até o extremo, véñense amoreando nestes días de estío cunha cadencia macabra. Cambian vítimas e os asasinos, os escenarios e as circunstancias, pero os trazos do guión semellan inmutábeis. Tamén o son o desespero, a indignación, o dó e o desconcerto. As mobilizacións de condena achegan máis dor e rabia que consolo, e as condenas institucionais semellan palabras varadas na oquedade dos discursos. De xuntarmos os titulares das noticias que estes días están a dar conta da violencia contra as mulleres descubririamos un puzle sinistro no que non resultaría difícil intercambiar as pezas, ou talvez os números aos que as vítimas se ven a miúdo reducidas no tratamento informativo.

Os asasinatos producidos nas últimas semanas, que conforman un cómputo vergoñento, non interromperon no entanto o lecer vacacional. Ningún gabinete de crise foi convocado, ningunha reunión de urxencia para abordar un exterminio ao que algún día haberá que pór fin. Fóra do seguimento dos medios, acotío tan sensacionalistas, os asasinatos das mulleres non producen mudanzas nas axendas. A memoria das vítimas queda só no corazón de quen as chora. Nunca no recordo dunha sociedade tan proclive á memoria selectiva, cando non á desmemoria. Un escepticismo prudencial lévame a desconfiar da eficacia dunha reunión de urxencia semellante á que se celebraría, por exemplo, ante unha continxencia económica ou un atentado terrorista. Ben é sabido que o problema da violencia machista precisa medidas complexas, produto dunha reflexión profunda e, se cadra, incómoda. Non obstante, o feito de que esta cadea de feminicidios non provoque unha reacción política non deixa de ser unha mostra da consideración que a muller e a súa integridade -non falo xa da súa honra ou da súa dignidade- ten neste país no que se está a producir unha morte tras outra e non pasa nada.

Comentarios