FALEI NON hai moito, e falei ben, d'O deserto, o último libro de poemas de María do Cebreiro. Gababa o seu diálogo (in)tenso coa imaxe -a pintura sacra e o cinema-, a maneira de volver sobre temas do imaxinario universal e tamén da propia interioridade. Neste senso, salientei en máis dunha ocasión a diversidade de camiños poéticos que a autora transitou até o momento, e a fondura da nova travesía que atravesa o seu particular deserto. Ao mesmo tempo, gabei con entusiasmo o formato e a presentación do libro: un volume de pequeno tamaño, con imaxes -estampas e fotogramas- a imitación dun devocionario, dobres páxinas pregadas e un envoltorio de papel selado cunha reprodución do cadro Agar et Ismaël dans le désert, de François-Joseph Navez, que figura na cuberta. A preciosa obra non é, como talvez podería unha imaxinarse, unha edición da autora, nin tampouco un libro fóra de colección, senón o numero dous de Cera Labrada, unha das liñas da recentemente creada editorial Apiario.
Ter entre as mans O deserto deixoume en min un pouso de nostalxia. Fíxome pensar nas edicións singulares, nas de autor(a), pero tamén en coidados produtos publicados nos últimos tempos baixo algún selo, case sempre emerxente, autoxestionado ou humilde en canto ás súas dimensións e pretensións empresariais. Son proxectos que recuperan iniciativas que garantiron, de maneira especial en momentos concretos como os comezos da década dos oitenta ou dos noventa, a publicación daquela poesía que, por unhas razóns ou outras, non era asumida polo tecido editorial existente. Produto da necesidade, creáronse, ás veces coas propias mans, fermosos libros de autor(a) ou proxectos tan singulares como as artesanais carpetas de Edicións do Dragón. Alén de constituíren pezas prezadas para persoas amantes da poesía, estas publicacións fixeron posíbel a aparición dunha serie de voces e de títulos que hoxe en día son fundamentais na historia da poesía galega contemporánea. O seu reconto achegaría datos que habían obrigar, se non a reescribir, si a modificar o relato da literatura e a axustar as dinámicas que entre centro e periferia se veñen describindo.
O libro de María do Cebreiro editado por Apiario fíxome tamén pensar na deriva do sistema editorial galego no que á poesía se refire, no papel das editoras máis grandes, suxeitas ás ditaduras do mercado e o capital, na desaparición das edicións de luxo, nas alternativas inventadas logo dos naufraxios provocados pola crise, nas novas formas de (auto)financiamento, nas apostas contra vento e marea e, sobre todo, nas resmas de papel como espazo infindo de liberdade. Tamén na cartolina, na tinta, na cola e na imaxinación como recursos básicos para a publicación dun libro de poesía que acalme a nostalxia.