Opinión

Nostalxia epistolar

QUERIDO PIÑEIRO: O teu sobre traguía, coas novas de ti, un puño de aire campesiño e arrecender vexetal”» Podería tratarse do verso dun poema ou dunha carta literaria. Tan fermosa fórmula serviu como encabezamento dunha misiva enviada a finais de agosto de 1954 ao intelectual de Láncara, non por un escritor senón por un artista plástico, Carlos Maside, co obxectivo de lle felicitar o San Ramón. O documento pode lerse no volume Carlos Maside. Correspondencia [1928-1958]. Cartas inéditas e dispersas, preparado por María Esther Rodríguez Losada e Anxo Tarrío Varela, e editado por Alvarellos en colaboración co Consorcio de Santiago. O libro compila 179 cartas que o pintor intercambiou con artistas e intelectuais do seu tempo, entre os que figuran Manuel Antonio, Bal y Gay, Otero Pedrayo, Cunqueiro ou Luis Seoane. A colección achega unha riquísima información sobre o círculo de relacións e afectos de Maside, sobre as súas preocupacións artísticas e intelectuais, e sobre as vivencias íntimas dun anaco de historia marcado pola convulsión e o silencio. Neste senso, constitúe un documento importante para a historia -tamén persoal- dos anos centrais do século XX en Galicia.

Achegueime á correspondencia de Maside co mesmo pudor co que acostumo achegarme aos epistolarios. A súa lectura produciume nostalxia inmensa por un xénero que aínda coñecín e que experimentou, nos últimos anos, unha transformación profunda. Refírome ás cartas en papel, que se facían agardar, e nas que se contaban con vagar cousas. Non creo, enténdaseme, que os hábitos xerados pola popularización das novas tecnoloxías acabasen coa comunicación entre as persoas, senón todo o contrario. Mentres que o correo electrónico recuperou, con outras claves, a escritura epistolar, a mensaxería -sms, whatsapp, twitter...- desenvolveu técnicas de composición que gorentarían aos grandes aforistas da historia. Non obstante, dos epistolarios tradicionais, como é o caso do de Maside, sempre admirei esa destreza na escritura, ese formulismo elegante, esa finura, aprendida e practicada. Esa cultura epistolar, en definitiva, que contrasta co desleixo que hoxe se aprecia, en xeral, nunha comunicación escrita incapaz de manexar os rexistros, incomprensíbel moitas veces, básica e plana.

Ao ler documentos como a correspondencia de Maside, que desde hai algún tempo se están a recuperar para a cultura galega, sinto mágoa por un saber perdido que enriqueceu -non hai que esquecelo- o idioma con elegantes tratamentos e formulismos. Eu, que, alén dun fato de cartas, custodio na memoria dixital os máis fermosos sms e whatsapps, sinto de cando en vez nostalxia dun «puño de aire campesiño e arrecender vexetal», envolveito nun sobre con novas de alguén e remitido ao meu enderezo postal.

Comentarios