Opinión

A nova académica

A REAL Academia Galega celebra hoxe unha sesión extraordinaria para recibir como membro numerario a Marilar Aleixandre. Do mesmo xeito que noutras columnas que escribín para este xornal lamentaba a escasa presenza de mulleres na institución, e tamén na nómina de homenaxeadas co Día das Letras Galegas, celebro agora a incorporación desta escritora, así como a noticia, coñecida non hai moito, da proposta de Chus Pato como candidata para ocupar a cadeira que deixou o falecido Xosé Fernández Ferreiro. As dúas novidades contribúen a reforzar a visibilidade das mulleres na literatura galega e a reparar inxustizas que veñen de vello. Outra cousa ben diferente é o verdadeiro papel das mulleres nas institucións e as industrias literarias, pero ese é outro debate que vai moito máis alá da celebración que hoxe nos ocupa.

Por se tratar precisamente dunha figura feminina e polas reivindicacións feitas nos últimos anos, é probábel que a cuestión do xénero estea moi presente nas crónicas que se fagan do evento. A isto contribuirá de seguro o compromiso feminista amosado por Marilar Aleixandre ao longo da vida, que impregnou ademais as páxinas da súa literatura. O último dos libros publicados pola autora hai tan só unhas semanas, o poemario ‘Desescribindo’ (Apiario) evidencia nos seus versos a exclusión da mulleres ao longo da historia, desde as que en África procuran auga na lúa até as revolucionarias rusas represaliadas, ou as vítimas da violencia de xénero e da marxinación. A esta preocupación únese na obra de Marilar Aleixandre outra de importancia non menor, como é a do medio ambiente, a natureza, a paisaxe. A súa voz, que en moitas ocasións bota man dos seus coñecementos de bióloga para reparar con detalle na fauna e na flora, recorre noutras a un discurso incisivo para denunciar as desfeitas ecolóxicas e paisaxísticas da nosa contorna. Abondo significativo é neste senso o título do seu discurso de ingreso, ‘Voces termando da paisaxe galega’. O seu é polo tanto un caso de literatura comprometida cuns valores -dos que o xénero son só dous exemplos- nuns tempos nos que a palabra ‘compromiso’ segue aínda tisnada de connotacións pexorativas.

Con Marilar Aleixandre ingresa na Real Academia Galega unha escritora teimuda, laboriosa, esixente no uso da lingua e tamén polifacética. O seu tránsito pola tradución, a literatura infantil e xuvenil, a narrativa e a poesía mostran o perfil dunha escritora rica en rexistros que ten ademais no seu haber recoñecementos como o Premio Xerais de Novela, o Álvaro Cunqueiro, o Esquío ou o Caixanova. ‘Lobos nas illas’, ‘Teoría do caos’, ‘Mudanzas’, ‘A ovella descarreirada’ ou o mencionado ‘Desescribindo’ confírmana ademais como unha autora en constante renovación. Velaí un dos trazos máis notábeis da súa obra.

Comentarios