domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

O anuncio da lotaría

TANTO COMO ver os turróns máis madrugadores nos escaparates solleiros do outono, sorprendeume un ano máis o anuncio da Lotería de Navidad. En realidade, o que me sorprendeu foi velo convertido en noticia —e non en noticia de encher senón de portada— nuns días nos que non faltaba de que falar no ámbito da economía e da política tanto propia como allea. Con todo, confeso que foi esa publicidade da publicidade o que suscitou o meu interese polo spot acabado de estrear.

O sentimentalismo domina desta volta unha produción rodada en Villaviciosa, que ten como protagonista unha mestra xubilada, e que repite o lema altruísta empregado en anos anteriores: "El mejor premio es compartirlo". O anuncio parte do equívoco desta muller que, ao ver nun telexornal unhas imaxes do pasado sorteo do Nadal, recoñece o seu número e crese gañadora do primeiro premio. Confusións deste tipo, atribuídas no anuncio á senectude, acontecen a miúdo nas redes sociais cando unha noticia resesa é dada por boa e abre as comportas a un río de comentarios extemporáneos até que alguén a desmente.


Mentres Carmina acada cotas de audiencia, moitas mulleres, tamén xubiladas, soas, sen recursos e necesitadas igualmente de calquera ilusión, viven no anonimato


Non obstante, o espírito do anuncio non semella ser o da crítica senón o da compaixón solidaria dunha vila que se vai sumando á celebración dun premio que no puido tocar porque aínda non se celebrara o sorteo. Nin sequera os intentos de volver a muller á realidade prosperan ante sentimento xeral que move os seus familiares, coñecidos e veciños. O anuncio dese ano insiste polo tanto no concepto de ilusión sobre o concepto de realidade. Talvez porque a realidade dun país ingobernábel que acabou entregando unha vez máis as chaves do seu benestar resulta menos grata que calquera ilusión.

Milleiros de persoas compartirán bágoas cos protagonistas deste anuncio ao se identificaren coa alegría de Carmina —tal é o nome da muller— aínda dentro da súa confusión. Mesturarán sentimentos asociados ao desvalimento da poboación de maior idade e á promesa dunha vida mellor. Mirarán con envexa as relacións humanas dunha pequena localidade que mostra escenas dun sinxelo acontecer cotián. Mentres Carmina acada cotas de audiencia e bole polas redes sociais, moitas mulleres, tamén xubiladas, dependentes moitas delas, soas, sen recursos e necesitadas igualmente de calquera ilusión, viven no anonimato.

De cando en vez, algunha ten nome ao se converter en noticia. Aconteceulle a Rosa, a anciá de Reus que morreu no incendio provocado por unhas candeas logo de que Gas Natural lle cortase por impago o subministro de enerxía. Historias coma a de Rosa e a de tantas outras persoas excluídas, ao se coñeceren, xeran unha empatía incómoda, pouco doada de compartir. Unha tensión para a que lacrimóxenas historias como a da afortunada Carmina son sen dúbida unha catarse.

O anuncio da lotaría
Comentarios
ç