miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

O azar

LEMBRO escoitarlles contar a moitas persoas como os mellores que libros que leron, os que lles deixaron unha pegada máis fonda, chegaron a eles por unha casualidade. As variantes do relato son moitas, desde o libro esquecido no asento dunha estación, o que atopamos sen buscalo nunha tenda de vello ou o que alguén nos emprestou nunha longa e imprevista espera. Diferentes son os detalles sobre a lectura destes libros, que adoitan coincidir na experiencia da descuberta e no efecto terapéutico ou de rescate dunha situación adversa: a tensión nun hospital, as horas tediosas dunha convalencencia, o pesadume pola caída ou simplemente o baleiro. No anecdotario das lecturas fortuítas teño algunha fabulosa, como a dunha muller que deu coas ‘'Memorias de Adriano'’ ao caeren ao chan logo de tropezar cun andel, medio ás escuras, nun piso no que se refuxiara durante unha das moitas noites turbulentas dos golpes de estado que se sucederon en Bolivia na década dos setenta do século pasado. A narradora explicábame como a lectura do libro de Marguerite Yourcenar, á escasa claridade que entraba pola ventá, servira de bálsamo para o medo na súa particular noite de pedra. Confeso que sempre desconfiei unha miga da veracidade da historia e dos seus detalles, aínda crendo que tal vez o mellores libros son os que semellan estar agardando por nós e acaban atopándonos. E crendo tamén tamén que as circunstancias da escolla forman parte tamén da lectura, igual que o espazo ou o estado de ánimo desde os que a facemos.

Eu lamento non ter historias apaixonantes sobre o xeito en que cheguei aos libros que lin. Máis ben podería escribir historias sobre os libros que non lin, e non só daqueles que descoñezo, senón dos que un día merquei ou apuntei nun caderno para facerme con eles e quedaron aí, agardando, nesa cámara protectora de cultura e ficción que custodiamos por se o tedio nos invade. Unhas veces foi a falla de tempo ou o esquecemento. Outras, o momento, que demandaba outras lecturas, outras historias. Algo así debeu pasar cos libros que non vin, por moito que estivesen aí, por moito que se falase deles e por moito que fosen libros de cabeceira da miña xeración.

Dou en cavilar nestas cousas contra a fin de semana, un momento de sobreinformación cultural, tamén de libros, non só nos escaparates senón tamén nos suplementos, nas seccións culturais, e nas redes. Penso na complexidade que entraña a escolla dunha lectura e penso tamén, unha vez máis no pano de fondo: a caída drástica da edición en galego, que nos últimos anos se achega ao 50%, e que, neste caso, non é froito da casualidade. Penso nisto con tristura ao tempo que agardo atopar un libro que parchee o baleiro, enraíce no espírito e me dea unha historia fermosa que contar.

O azar
Comentarios
ç