Opinión

O carnaval dos días despois

A SEMANA QUE seguiu ás eleccións foi, como era previsíbel, xenerosa en lecturas e interpretacións duns resultados máis ou menos agardados. A atención centrouse sobre todo nos escenarios do cambio e nos seus protagonistas, nalgúns casos apenas coñecidos máis alá do ámbito local, así como nunha cidadanía que, contra o prognóstico dos máis escépticos, lograra romper a hexemonía do goberno de moitas cidades. Logo das primeiras horas, axiña comezaron as descualificacións, a manipulación alarmista da información -vergoñento o papel dalgunhas canles públicas, un exemplo: a nosa- e non poucas profecías apocalípticas que tan ben se infiltraron no sector máis crente da rúa. «Pero ti sabes quen nos vai gobernar? Uns guerrilleiros!», explicaba na mañá do luns un cliente dunha cafetería compostelá. «É do partido de Beiras!», confirmaba o seu interlocutor, nunha proba de como a consigna da ‘ameaza bolivariana’ acadou tamén os seus froitos.

Algunhas das mensaxes máis madrugadoras que comezaron a circular polo móbil e polas redes sociais, logo de que estas axudasen a compartir os primeiros datos, foron as brincadeiras, especialmente aquelas que facían referencia ás derrotas máis soadas, ou agardadas. Esperanza Aguirre, Rita Barberá, Mariano Rajoy e outros líderes políticos convertéronse en pouco tempo nos verdadeiros protagonistas dun whatsapp, un facebook e un twitter que por veces semellaban epecializados na parodia. Os editores de imaxe domésticos deberon botar fume nos días que seguiron ás eleccións. Tamén o enxeño. Os mesmos medios que serviran para transmitir as informacións de xeito temperá crearon un verdadeiro macrotexto paródico, nunha sorte de catarse colectiva.

Máis alá de fobias e celebracións, a explosión de humor e de parodia que se produciu esta semana foi, en certa medida, unha resposta a toda a carnavalización da vida política á que levamos asistindo durante anos, de maneira moi notoria no ámbito municipal -empezando polo concello que, segundo o cliente acalorado, vai ser gobernado agora por ‘guerrilleiros’-. Os sucesivos escándalos ocasionados por unha corrupción estendida como se dunha praga se tratase, as tramas, os abusos de poder, as mans negras e as luvas brancas, así como a impunidade e a impudicidade supuxeron tal degradación da vida política que malamente cabía outra resposta que a antroidada, a parodia e, igual tamén, o exorcismo. O que nos días despois circulou polas redes non foi outra cousa que unha escolma, por votación popular, dos mellores momentos dos últimos catro, ou oito, ou dezaseis anos. Daqueles que algúns medios semellan esquecer. Daqueles que tampouco aparecían recollidos na propaganda electoral dos partidos no goberno.

Comentarios