domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

O fracaso

NA SEMANA  na que un anaco de mundo falaba de París, do terrorismo, da barbarie, do estado de excepción, dos bombardeos e desa cartografía do horror na que uns lugares semellan estar escritos cun tipos de letra máis grosa e outros apenas son visíbeis, a ficción achegoume, sen o planificar, dúas historias sobre a derrota do ser humano. A primeira delas tróuxoma a novela dun autor que reaparecía logo dun silencio de varios anos motivado, segundo explicou nas súas entrevistas, por unha grave enfermidade mental. Trátase de Manuel Seixas, o poeta, o músico de Korosi Dansas e o narrador que publicara nos anos noventa A velocidade do frío e Bailarina, e que agora presenta o desacougante Interferencias. O libro conta as historias paralelas de dous personaxes, unha fisioterapeuta e un profesor de historia, que viven a súa particular derrota vital illados nunha realidade cotiá rutineira. Especialmente sórdido resulta o personaxe do profesor, que consome os seus días refuxiado na televisión e o alcol até que un sentimento que se semella ao amor irrompe na súa vida. Un docente igualmente derrotado protagoniza unha película estreada en 2007 que me cadrou tamén ver esta semana. The Visitor, de Thomas McCarthy, conta a historia da soidade e a derrota dun profesor universitario de Connecticut cuxa rutina se ve alterada ao entrar en contacto, por azar, cunha familia de inmigrantes sen papeis -un sirio e unha senegalesa- que conseguen dar sentido a unha vida, a pesar das aparencias, triste e baleira. Aínda non sendo este o fío principal do filme, a soidade dun profesor aborrecido por case todo, e acomodado nas engrenaxes por veces falsas do sistema, acaba converténdose nun dos piares da longametraxe.

As historias de Seixas e McCarthy, distintas entre si, fixéronme pensar na derrota como couza que destrúe lenta e silenciosamente tamén aqueles sectores da sociedade que se adoitan considerar máis privilexiados. Na miña reflexión non puiden obviar o feito de que, tanto Xosé como Walter Vale, formaban parte do sistema educativo, tan necesitado nestes momentos de enerxía e de ilusión para sobrelevar tempos difíciles. Interferencias e The Visitor falan da condición humana, das súas debilidades e contradicións, pero falan, sobre todo, da sociedade e das súas doenzas, as máis das veces ocultas tras o decorado do sistema. Cadrou que me achegase a elas nunha semana na que o mundo, e penso agora nas coordenadas nas habito, daba mostras unha vez máis do seu fracaso, tamén silente, tamén escondido. Neste caso, parapetado detrás de grandes e contundentes palabras, detrás de declaracións de solidariedade, detrás de tambores de guerra que prometen a paz, detrás do medo como moeda de cambio e, sobre todo, detrás do sufrimento, tamén das esquecidas e dos esquecidos.

O fracaso
Comentarios
ç