domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

O grandor da literatura

A LITERATURA achéganos ás veces palabras que o noso ánimo precisa. Non estou a a pensar tanto nas grandes frases concibidas posibelmente a xeito de consigna, como ese "Galicia somos nós, a xente e máis a fala", de Manuel María, que estes días tanto estamos a recordar. Tampouco penso naquelas que, sen que as súas autoras ou autores o chegasen a imaxinar, acabaron converténdose en célebres: "un paso adiante i outro atrás, Galiza", "longa noite de pedra", "mil primaveras máis" (para a lingua galega), o "eu tamén navegar" que alentou toda unha promoción de poetas feministas situadas no ronsel de Xohana Torres, ou tantas outras palabras afortunadas que forman parte xa non só da linguaxe común –"miña casiña, meu lar!"–  senón tamén do imaxinario –"un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén"–. Son, estas que agora me veñen á cabeza e algunhas máis, expresións que resumen segmentos de identidade. Son palabras da tribo. É por iso polo que acaban desgastándose, modificando en ocasións o sentido con que foron escritas para acomodarse aos discursos que as acollen, e integrándose tamén nos imaxinarios institucionais, que as utilizan para a súa conveniencia, como se quen as pronuncia experimentase o exilio, a exclusión por razóns de xénero, fose un neno labrego ou sementase, cos seus decretos regresivos, moitos equinoccios para a lingua galega. 

Dicía que non era deses acios de citas célebres –na súa maioría, por certo, poéticas– das que quería falar, senón daquelas palabras coas que batemos por casualidade e que explican unha parte de nós. Son palabras que nos collen de improviso e que nos revelan aquilo que non fomos capaces de verbalizar, como se estivesen a asexarnos, como se soubesen de nós. Chegan sen avisar, camufladas nas páxinas da novela, no verso, na letra da canción, na pintada do muro, para falarnos. 

A teoría da literatura ensinounos como somos nós quen, proxectando as nosas propias experiencias, dotamos de sentido o texto. Con retallos do noso mundo, enchemos os seus ocos e dámoslle sentido. Lemos polo tanto a través dos nosos coñecementos e vivencias. Iso fai que a lectura sexa a fin de contas un proceso íntimo e solitario. E fai tamén que poidamos empatizar, un supoñer, co viaxeiro intrépido dunha novela de aventuras cando, na páxina 173, escoita un chío que lle lembra o reiseñor cando neno, ou pensar que o verso que pecha un poema de desamor escribe a nosa historia. Fai que moita xente sinta que Balbino falou por ela ou se faga á mar con Xohana Torres por capitá. Así de certeira é a teoría da literatura, por máis que ás veces tenda a esquecer os soños e os afectos. Así de grande é, en calquera caso, a literatura.

O grandor da literatura
Comentarios
ç