miércoles. 14.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 14.04.2021
El tiempo

O manxar da infancia

A MEMORIA dos sabores é cousa ben curiosa. Nalgún lugar do cerebro levamos agochados gustos que, sen saber por que, son quen de espertar os recordos durmidos máis insospeitados. Igual que os arrecendos, posúen a estraña capacidade de transportarnos na xeografía e no tempo e, sobre todo, de xerar esa memoria atmosférica -memoria de chuvia, de area, de olor a fume, a papel ou a gasolina mal refinada, de escuridade, de luz neboenta-, tan preguiceira algunhas veces. A diferenza doutros sentidos, tan só o gusto e tamén o olfacto teñen ese poder. A memoria dos sabores átanos ademais a lugares e a persoas, e abre, cal se dunha chave máxica se tratase, portas que conducen por uns instantes a paraísos perdidos.

A fin de semana pasada veu visitarme a infancia, unha infancia de xeonllos rotos, rabuñaduras, terra nas unllas e inmunización contra bacterias e estrugas. A infancia apareceu nunha tarde solleira escondida entre a herba. Maduraran os primeiros amorillotes! O seu vermello intenso sinalaba unha data nun calendario natural esquecido a miúdo polas urxencias doutros calendarios. Os amorillotes ou amorillóns -morotes, amorotes noutros lugares, amorodos silvestres- foran un ben prezado na infancia, moito máis que os amorodos que naquela altura comezaban a se introducir como cultivo nas terras ullás. A concentración do seu sabor non comparaba coa de ningunha outra froita e ben compensaba o meticuloso rebusco nos prados e nos valados. A demostración do valor de tal ‘delicatessen’ quedaba patente na finura coa que se acostumaba presentar o produto. Os amorillotes enfiábanse coidadosamente no talo ríxido dunha herba conformando cos abelorios doces un exquisito colar. Ao tempo que se transportaba, sen esmagalo, froito tan fráxil, elaborábase unha fermosa alfaia coa que agasallar a infancia daquelas nenas a medio camiño entre a escola unitaria e o grupo escolar.

Os amorillotes e outras delicias, como as cereixas ou as pavías do país, estaban a convivir cunha industria da lamboada -pipas, goma de mascar, caramelos, chupachups e pouco máis- que de seguro lle parecería ben cativa á rapazada de hoxe en día. Aínda sendo pouco amiga das ‘chuches’, paro moitas veces a admirar os escaparates e expositores dunha mercadoría que coñeceu duns anos a esta parte un desenvolvemento espectacular. Sabedor de que comemos (tamén) cos ollos, o sector comercializou produtos tentadores polo seu deseño e colorido. Semellante surtido, que había facer abrir como pratos os ollos de Hansel e Gretel, foi conformando tamén outra paisaxe da infancia. Con todo, eu sigo a preferir os amorillóns primeiros dourados polo sol da primavera, algo amargos ás veces pola nosa impaciencia, e tamén o seu brillo agochado entre a herba que tentaba unhas nenas xogando no fondo do val.

O manxar da infancia
Comentarios
ç