miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

O país da troula

ESA SEÑORA do vestido de flores, esa mesma que está comendo a empanada, vina eu o ano pasado tamén nun programa. Igual me pasou co home colorado que asaba as sardiñas, e co mozote bébedo da Maruxaina, tamén saíron na televisión outro verán. Claro que igual non foi o outro verán senón este nin tampouco outras festas senón estas mesmas... Unha xa non sabe se era o Combo Dominicano ou a Panorama, se era un desembarco ou unha meiga, se eran pementos, polbo ou albariño. O caso é que unha boa parte da programación da televisión autonómica está dedicada en exclusiva á crónica das festas do verán, tanto das patronais como das grandes romarías e mesmo desas festas temáticas, fundamentalmente gastronómicas, que en non moito tempo encheron a xeografía galega.

Nada que dicir en principio do feito de visibilizar unha forma de ocio nos espazos televisivos dedicados á sociedade, de igual maneira que se fai con programas a pé de area, de parque ou de concerto. Tampouco de dar noticia de celebracións, algunhas multitudinarias. Ora ben, que o groso da programación, falando en termos de audiencia, se limite a unha reportaxe das festas do verán adobada con música de orquestra semella unha aposta máis discutíbel. Algunha vez reproducín as palabras dunha amiga que está convencida de que, tarde ou cedo, a totalidade da poboación galega que así o desexe acabará saíndo na televisión. A reiteración de escenas de euforia e bebedeira, de excesos gastronómicos, de troula incesante corroboran sen dúbida a imaxe dunha Galicia apracíbel, de bo vivir e boa mesa, na que o único conflito que parece haber é o de decidir se irmos á Festa da Auga ou a algún San Roque. Igual que nos populares anuncios dunha cadea de supermercados, todo mo mundo semella feliz no país no que un churrasco, un polbo ou unha sardiñada, xunto cunha boa orquestra, conforman un horizonte vital.

Fóra dos obxectivos que encadran esa masa feliz e algo bébeda que come, canta e baila quedan moitas outras manifestacións culturais que teñen lugar aquí e acolá e que, como moito, só merecen uns minutos no peche dun informativo. Queda moita outra xente que non vai ás festas pero que ten cousas que contar ou testemuños menos amábeis que compartir. Queda un país en construción, cun horizonte político incerto. Queda unha xeografía en chamas ou calcinada. E quedan todas esas cousas que non aparecen despois de cear na pantalla dunha Galega na que o pobo come e baila feliz nunha troula continua que, ao tempo que o divirte, adorméceo ao son de gaitas e ritmos caribeños e desactívao. De non ser por outros males que non veñen a conto nunha xornada festeira, Galicia é o lugar ideal, o templo da gastronomía, a romaría incesante, o paraíso, o país das marabillas.

O país da troula
Comentarios
ç