Opinión

O plaxio

LEO CON ESTUPOR unha noticia da que sentira xa un ruxe ruxe. Ao ser a canle pola que chegou a min unha popular rede social, buscei con ansia calquera pista que me conducira á ironía ou á brincadeira. Repasei tamén a súa data de publicación na procura dun antroido, ou un vinte e oito de decembro, que a xustificase. Non obstante, a información era certa, por moito que desafiase, xa desde o seu titular -por certo, vítima unha vez máis, quero pensar, da decisión á súa maneira dun corrector automático- regras básicas de verosimilitude. A nova non trataba desta volta sobre acontecementos truculentos, declaracións desafortunadas e desfalcos astronómicos, senón sobre literatura. Falaba, en concreto, dunha composición da escritora Emma Pedreira, que fora plaxiada nun certame organizado pola Biblioteca Pública Municipal David Hernández, de Guijuelo. A autora explicaba nela como descubriu, por casualidade, que o segundo premio do mencionado certame fora retirado ao se comprobar que se trataba dun plaxio dun texto seu que, aínda para máis sorpresa, hoxe en día se atopa inaccesíbel. A nova resulta chocante por revelar a longa viaxe da composición -poema segundo a noticia na que se recollen declaracións súas, relato curto segundo a páxina da Biblioteca, os xéneros xa se sabe...- desde o folleto no que foi publicado até o segundo premio dun certame local.

De non ser por detalles como os referidos, a noticia dun plaxio a ninguén causaría sorpresa, aínda que si inquedanza en canto práctica común e, nalgúns casos, ‘modus vivendi’. Unha mala praxe, que vén de vello, acostuma atribuírse ao uso xeneralizado de internet, que marcou de certo un antes e un despois no tocante á difusión de textos. Encuberto unhas veces entre a intelectualidade baixo maneiras de entender a arte propias dunha época, elevado outras á máxima categoría académica, o plaxio constitúe unha ameaza ante a que non sempre se soubo reaccionar. A creación de ferramentas específicas para detectalo en certos ámbitos, como o académico ou o cienfítico, bate de fronte, no debate público, cunha certa confusión acerca da circulación libre da cultura. Nun contexto coma este, no que as redes xeneralizaron a ferramenta ‘compartir’, faise imprescindíbel un labor formativo, xa desde os primeiros anos, que axude a diferenciar as imensas potencialidades que a rede ofrece da apropiación indebida de ideas ou imaxes alleas sen indicar a súa fonte. Cómpre alén diso desenmarañar os conceptos de autoría, cuxo recoñecemento debera ser obrigado, de mercado, isto é, dereitos de autoría, explotación e beneficios. Por último, non debera escandalizar a proliferación do plaxio nun país que, lonxe de protexer e fomentar a cultura, perséguea e criminalízaa con ditames moralizantes e leis absurdas.

Comentarios