Opinión

A oratoria pendente

LEVAMOS días recibindo información -máis ou menos completa e máis ou menos imparcial segundo que medios a transmitan- das exequias de Fidel Castro. A raíz da súa morte, as semblanzas encheron os informativos. Nelas deuse conta da súa traxectoria revolucionaria, da súa dimensión política e tamén, como adoita acontecer, de anécdotas e de trazos singulares da súa personalidade. A cousa non era para menos, tendo en conta que se trata, coas luces e as sombras que acotío asombran os grandes líderes, dunha das figuras históricas máis relevantes do século XX. Con independencia da lectura que se faga do seu papel nunha historia que case sempre se escribe sobre o papel pautado das ideoloxías, o carisma de Fidel Castro foi recoñecido por persoas de diferente orientación política, do mesmo xeito que a súa listaxe de amizades foi heteroxénea e moitas veces inagardarda.

Do histórico líder lembrouse tamén estes días a súa partitular oratoria. Os longuísimos discursos non escritos, que mesmo conseguiron entrar nese caixón de curiosidades as máis das veces absurdas que é o Libro Guiness, constituíron un dos principais trazos da figura pública. Alén da súa extensión -que, como é sabido, chegou nunha ocasión ás sete horas e cuarto- recordouse a particular expresividade do estilo envolvente, que fora gabado polo seu amigo Gabriel García Márquez: «empieza siempre con voz casi inaudible, de veras entrecortada, avanzando entre la niebla con un rumbo incierto, pero aprovecha cualquier destello para ir ganando terreno palmo a palmo, hasta que da una especie de zarpazo y se apodera de la audiencia».

Ao pensar nestes días na oratoria de Fidel Castro viñéronme á cabeza os tediosos discursos, escritos case sempre polo seu equipo de asesores, que len mal que ben os nosos líderes. Pensei tamén na mediocridade coa que se expresan os personaxes máis populares da grella televisiva. E pensei na falta de formación oratoria no noso sistema educativo no que moi poucas persoas lle poden agradecer a algún mestre o aprenderlles a falar. Profesionais como os da psicoloxía, da comunicación, a arte dramática ou o ensino especializado na preparación de oposicións, asisten a persoas que, máis alá da timidez, confesan unha incapacidade, por falta de coñecemento e práctica, para falar en público. A recente introdución da Oratoria como materia de libre configuración autonómica para os centros na Educación Secundaria Obrigatoria resulta a todas luces insuficiente para un problema que vén de vello, e que compromete de maneira importante o futuro profesional do estudantado. Moitas persoas viron na morte de Fidel a fin dun tempo. Neste novo, que deixa atrás grandes oradores, a arte de falar non semella paradoxalmente unha prioridade senón máis ben unha materia pendente.

Comentarios