Opinión

Os dereitos do verán

A XENTE cando vén xa sabe ao que vén», razoa con toda a naturalidade diante da cámara unha vendedora da praza a propósito do prezo acadado polas nécoras na fin de semana festeira por excelencia. Oitenta euriños, total nada, pero no verán xa se sabe... O tempo de vacacións estivais, unha vez ao ano, igual que o nadal ou o entroido, semella xustificalo todo. Mesmo os  abusos por; parte duns e a perda dos dereitos por parte doutros. É como se unha boa parte das normas, escritas e non, quedasen en suspenso nestes días do calendario.

Non hai moito que circulou polas redes sociais a factura dun ‘chiringo’ de praia en Formentera o que se cobraban sete euros por unha caña. O prezo da cervexa é sen dúbida un elemento importante á hora de cadrar un orzamento para as vacacións. Non obstante, poucas das voces alporizadas polo que consideraban un atropelo repararan noutros prezos detallados na popular nota, como podían ser os oito euros dunha auga ou os douscentos e pico duns peixes, os vinte dunha ensalada ou os catro cincuenta dun café con leite. Sorpréndeme o feito de que escandalicen tanto os prezos —sen dúbida desorbitados— dun local, polo que lin en palabras dos seus
propietarios ‘de alto standing’, dirixido a unha clientela cun poder adquisitivo considerábel, e non o fagan as ‘cravadas’ cotiáns que a miúdo nos pegan en postos máis humildes, restaurantes de tempada ou carros do polbo, ao abrigo tamén da excepcionalidade do verán. Se de verán e abusos falamos, é obrigado dedicar un capítulo propio aos aeroportos, non só polos prezos impopulares dos produtos máis básicos que neles se poden consumir, senón polo caos que impera en ‘días problemáticos’. O colapso sufrido por El Prat na primeira fin de semana de agosto constitúe un bo exemplo. O atraso de voos, que afectou de maneira especial a algunha compañía de baixo custo ben coñecida, provocou a perda de moitas das conexións realizadas  nese  aeroporto. A escasísima e non sempre fiábel información ofrecida aos pasaxeiros repetiu até a saciedade a saturación e o control de tráfico aéreo, debido á excepcionalidade das datas, como causa. Se difícil de entender é xa a falta de previsión, máis indignante resulta a xestión por parte das compañías  —en  realidade,  e falando da experiencia propia, da compañía—. A altas horas da madrugada El Prat era un ir e vir de pasaxeiros indignados circulando entre as cintas da equipaxe e os correspondentes mostradores  de  atención  ao cliente. A imaxe lamentábel que o aeroporto ofreceu ao longo da xornada xustificábase, mal que ben, por ese incremento masivo de usuarios en determinadas datas. Algo tamén propio, xa se sabe, dun verán que tanto serve para disparar os prezos como para volatilizar os dereitos sen que, fóra das reclamacións pertinentes e dalgún comentario illado, levante maior escándalo.

Comentarios