Opinión

Os días despois

O DÍA de Rosalía deixou nos medios e nas redes sociais ducias de fotografías, reportaxes e lembranzas. Tamén este ano, no que a cifra -cumpríanse 179 anos do nacemento da escritora- non era redonda, como tampouco o eran as do aniversario de ‘Cantares Gallegos’ nin de ‘Follas Novas’. A imaxe rosaliana, icona desde hai xa tempo e deseño habitual en camisetas, bolsas e chapas, estivo presente tamén en centros de ensino, bibliotecas, librarías e perfís de Facebook. E, por suposto, tamén nalgunhas institucións. Desde unha delas mesmo se fixo un chamamento encamiñado a popularizar a data e procurar unha maior implicación nela da sociedade.

Fago esta reflexión nos días despois e desde un certo escepticismo nos propios ‘Días’, natural en min e do que xa teño falado neste recanto. Das homenaxes rosalianas, e deixando a un lado as emprendidas por institucións públicas, case sempre marcadas polos intereses que as impulsan, distinguiría dous tipos. Ás primeiras podería chamarlles sentimentais. Son ben intencionadas lembranzas que a miúdo botan man daqueles aspectos máis tópicos da imaxe de Rosalía, con especial incidencia nos que a vinculan coa terra. Acostuman recordar algúns versos desa antoloxía íntima e non escrita de Rosalía. A procedencia destas manifestacións é diversa e capaz aínda de soportar unha carga identitaria máis ou menos determinada, ben coñecida en calquera caso por unhas institucións que de seguro contemplan esta vía para a popularización do Día da escritora. Doutra banda están as homenaxes que chamo reivindicativas, que reformulan non sen perigo de recursividade algúns tópicos, ao tempo que inciden nas dimensións social, política ou feminista da escritora. Son homenaxes que por veces chegan a cuestionar a propia homenaxe como acto illado e reivindican a presenza viva dunha figura que arrastra desde ben cedo as cicatrices da manipulación. As lecturas da obra rosaliana que estas lembranzas propoñen teñen como obxectivo mostrar unha voz ousada, rebelde, radical en moitas das súas formulacións e contemporánea.

Entre unhas e outras Rosalías transcorreu tanto o Día como os días despois. Aínda sendo descrida das efemérides, gustoume ver nesta unhas poucas manifestacións espontáneas que, con todo, amosan trazos da consolidación dun recoñecemento que vai máis alá de calquera programa. Gustáronme algunhas reinterpretacións icónicas do retrato da autora que, igual que os deseños das camisolas, constitúen un interesante fenómeno da relación da xente máis nova coa escritora que leva sobre os seus ombreiros a honra, e tamén o peso, da refundación da literatura galega. E gústame tamén saber que algunhas destas novas imaxes se sustentan nunha tradición de estudos rosalianos abondo consolidada, rica e ávida de novas luces para iluminar a vida, a época e a obra da escritora.

Comentarios