Opinión

Os días do frío

ACHÉGOME ao radiador e apreto as mans contra a taza do café para absorber a súa calor. Desde fóra a paisaxe é fermosa. O brillo da xeada sobre os campos e as árbores conforman sempre estampas dunha calma estraña, case artificial. Téntame facer unha fotografía co móbil, pero caio na conta que sería igual ás moitas fotografías que levo feitas desde esa mesma ventá. Abro o xornal, un xornal calquera, ou acendo a radio ou a televisión, tanto ten. Os días de frío son noticia de portada. Unhas veces pola excepcionalidade, como é o caso de Levante, e outras por encher, pois pouco de estraño hai no feito de que xee en xaneiro. As institucións aproveitan para lanzar aos medios de comunicación os seus protocolos porque todo está en orde. Todo, a non ser as forzas da natureza e unha climatoloxía caprichosa ante a que pouco máis se pode facer. O clima -escribino en máis dunha ocasión nesta columna- é tema socorrido e polivalente.

Paso a páxina. Os medios seguen a informar e a opinar dunha noticia que semella unha broma de mal gusto: a subida da electricidade. Fálase de causas, de responsabilidades, de medidas gobernamentais e mesmo de aplicacións que nos axudarán a aforrar na factura. Do que non se fala tanto é da pobreza enerxética. Á anciá falecida hai uns meses en Reus a causa dun incendio, logo de que Gas Natural lle cortase a luz, non parece necesario recordala agora. Tampouco a moitas outras persoas que están a pasar frío nos seus fogares sen que ningunha estatística -cando menos iso- os ampare.

Paso outra páxina e outra. A vida política, a corrupción, a presidencia dos Estados Unidos, os deportes, todo segue o seu curso e todo acaba cadrando dentro desa ‘lóxica informativa’ que nos atrapa. Con maior ou menor visibilidade dependendo da fonte cosultada aparece outra fotografía do frío. Os protagonistas son desta volta os centos de refuxiados que están a soportar a vaga de frío sen máis abrigo que a tea dunha tenda de campaña. As imaxes, que tan só algúns medios achegan, non trasmiten calma senón desesperación. Son fotografías da crueldade. O selfie máis vergoñento da Europa do século XXI. As alarmas lanzadas por organizacións non gobernamentais sobre a situación extrema que se está a vivir en Grecia ou nos Balcáns, onde a vida tamén segue, conxelada, sen apenas auga quente e cos recursos sanitarios colapsados, semellan menos importantes que as folerpas peninsulares ou o xeo que se acumula nos parabrisas dos nosos coches. A vida segue, cando hai sorte, tamén para os refuxiados. Como se o inverno, coas súas vagas de frío e as súas nevaradas, fose unha noticia imprevista. Como se a situación destas persoas nos collera por sorpresa, igual que aos condutores atrapados nas estradas de Valencia. Como se non soubésemos dos días do frío.

Comentarios